Este sábado 7 de novembro vaise inaugurar no Auditorio Municipal de Rianxo, na sala de exposicións, a mostra Rianxo: miradas dende o interior. Trátase dunha proposta artística con traballos de creadoras e creadores do obradoiro de Xurxo Martiño (Altaira Arte e Ensino). A apertura será ás 13.00 horas. A mostra poderá verse do 7 de novembro ao 5 de decembro. O horario será os luns de 10:00 a 14:00 h; de martes a sábado, de 11:00 a 13:00 h e de 17:00 a 20:00 h.
En Altaira, escola de arte en Santiago de Compostela, imparten aulas especialistas con gran paixón polas belas artes, como o pintor Xurxo Martiño, profesional non só do ensino, senón tamén artista de longa e recoñecida traxectoria. As súas obras estiveron expostas en máis de 30 exhibicións ao longo dos últimos anos en diferentes puntos da xeografía galega e gañou múltiples premios de arte: no eido da pintura e as artes plásticas.
Xurxo é un apaixonado da arte e un explorador da súa propia creatividade, descubrindo sempre novos medios e técnicas cos que expresarse a si mesmo e formar aos seus estudantes.




