
A Asociación Francisco Lorenzo Mariño comunicou que vai realizar un ano máis o Ciclo de Contadas de Humor FLM de Aguiño, que terá lugar (os catro sábados de novembro, ás 20:00 h) no salón de actos da Casa do Mar de Aguiño. Desta volta contarase novamente con narradoras e narradores orais da nosa terra; comezando o sábado 7 con María da Pontragha, o 14 con Fran Campos, o 21 con Brais das Hortas e o 28 con Dani Blanco e os respectivos espectáculos que figuran no cartel do certame.
A entrada é de balde ata completar a cabida do local, abriranse as portas da Casa do Mar de Aguiño, sita no porto, ás 19:30 h.
Como cada ano destinarase o ciclo (ou a mostra) a unha causa solidaria. Segundo explicaron dende a asociación de Aguiño na presentación do ciclo, “levamos 18 anos, dende o 2009, destinando este programa de novembro a unha causa solidaria diferente, dende Cáritas, AECC, TDAH, Stop Desfiuzamentos, ASANOG, Art For Dent, Guerra de Ucrania, Volcán da Palma, Dana de Valencia, AGAPREM, etc”.
Desta volta a ONG beneficiaria será Pallasos en Rebeldía, que se adica a labores humanitarios en países en conflito, principalmente desenvolve a súa actividade nos campamentos de refuxiados do Sahara e en Palestina.
Aparte de recoller donativos que serán entregados na última xornada, o 28 de novembro tamén se porá á venda material solidario, camisetas e libros, por se algún asistente desexa facer unha compra, sendo a recadación íntegra para os fins da ONG.
A asociación Francisco Lorenzo Mariño agradeceu a colaboración da área de Cultura do Concello de Ribeira e da Deputación da Coruña para este ciclo en particular e o conxunto do programa cultural anual que a entidade organiza en Aguiño e parte do municipio de Ribeira; tamén agradece a colaboración de varios patrocinadores que colaboran co programa anual, como Combustibles Puebla, Digar de Artes, Farmacia de Aguiño, Hotel Punta Couso, Fripusa, Fabri Barbanza, Logística Garmou e Max China.
Na presentación do ciclo participaron (de esquerda a dereita) Pili Millet, Sara Reiriz, Elvira Pisos (presidenta), Rosa Millet, Josefa Suárez, Carmen Sampedro e abaixo, Moncha Sampedro e Unai González.
A entidade animou a veciños e visitantes “a acudir a este ciclo que facemos con moita ilusión e que comeza este vindeiro sábado 7 de novembro ás 20 h na Casa do Mar de Aguiño, e que seguirá o resto de sábados do mes, coa entrada totalmente gratuíta”.




