
Máis de medio cento de persoas, entre maiores e familiares, participaron na tarde do venres 30 de novembro na tradicional Festa do Magosto do Centro de Día de Lousame.
A festa contou coa presenza das concelleiras de Cultura, Silvia Agrafojo, e de Deportes, Mariel Agrafojo, que amosou moi satisfeita “pola activa participación dos nosos maiores na celebración, non só bailando e cantando as distintas pezas, senón compartindo experiencias cos veciños e veciñas que se achegaron ata o Centro de Día”.

A concelleira agradeceu tamén a colaboración, un ano máis, do voluntariado de Lousame e do grupo de gaitas O Son do Pote (Tállara), que interpretou varias pezas e non foron poucas as persoas que se animaron a botar unhas bailas. Un grupo de voluntarias sénior de Lousame, en colaboración co técnico municipal de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, foron as encargadas de elaborar as castañas, que se degustaron tras a actuación musical nunha merenda para repoñer forzas complementada con rosca, galletas, zumes e refrescos.




