
O vindeiro 3 de novembro arranca a XXVII Mostra de Curtas Vila de Noia, unha das citas culturais máis importantes do concello e da contorna de Noia-Muros-Barbanza, que se prolongará ata o 14 de novembro. Serán en palabras do Concello “dúas semanas para gozar do mellor cinema, descubrir novas historias e compartir a maxia da gran pantalla no Coliseo Noela”. As entradas para sección oficial pódense mercar en Ataquilla.com.
Para coñecermos toda a programación, horarios, actividades e novidades, cómpre seguir a conta oficial de Curtas de Noia.
Segundo fixo saber a área municipal de Cultura, a axenda deste ano vén especialmente ateigada de proxeccións, con máis días de actividades (11 xornadas), máis estreas, máis propostas profesionais (a través do apartado Curtas Noia Industry Lab) e máis actividades en xeral.
En total, proxectaranse 54 curtametraxes seleccionadas entre máis de 1.300 propostas recibidas. Amais, uns 4.000 escolares participarán nas actividades infantís de Curtacativa.
Segundo informaron os organizadores na presentación do programa (celebrada esta semana), esta nova entrega do certame terá unha lembranza ao castañeiro Serafín, homenaxe que se percibe no propio cartaz oficial, creado polo artista local Guille Somoza, no que se rende tributo a unha persoa moi querida por varias xeracións de noieses e noiesas.
Tamén se fixo saber que o programa inclúe a proxección de relevantes pezas internacionais como documental El silencio de Sara Sálamo (sobre o futbolista Isco Alarcón), a curtametraxe El sueño de Ailan de Álex Agüera, ou as presentacións de Ágata y Lola.



