
O tradicional Xantar de Confraternidade das Persoas Maiores da Pobra do Caramiñal reuniu arredor de 750 asistentes no Polideportivo de Venecia. A cita, consolidada como un espazo de convivencia e reencontro, estivo marcada este ano polo loito oficial decretado tras o tráxico accidente ferroviario.
O alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira de Servizos Municipais, Estefanía Ramos, participaron nesta celebración, á que tamén acudiron representantes institucionais, entidades sociais e persoas procedentes doutros municipios da comarca, como Boiro, Ribeira e Rianxo.
Durante a súa intervención, o rexedor trasladou as condolencias ás familias das vítimas e expresou a solidariedade do Concello con todas as persoas afectadas. Como mostra de respecto, o Goberno local decidiu suspender a recepción musical con gaiteiros e o baile programado para despois do xantar.

Vidal explicou que a decisión de manter a comida respondeu ao seu significado social, “que vai máis alá do carácter festivo”, dixo, ao tempo que destacou “a importancia de ofrecer un espazo para compartir, conversar e reencontrarse, especialmente nun momento de tristeza colectiva”.
A xornada incluíu un minuto de silencio en memoria das persoas falecidas, durante o que as persoas asistentes amosaron o seu respecto e solidariedade.
Pola súa banda, a concelleira de Servizos Municipais, Estefanía Ramos, destacou a importancia de “manter vivo o espírito de confraternidade deste encontro, que cada ano permite reunir centos de persoas para compartir unha xornada de convivencia”. A edil agradeceu a participación das persoas asistentes e o traballo de quen contribúe á organización da cita.

O Concello anunciou tamén que o baile non queda cancelado, senón aprazado para o venres 13 de novembro, ás 20.00 horas, no mesmo pavillón de Venecia, coa actuación de Mar Dávila.
Durante os discursos, os representantes municipais agradeceron a presenza das autoridades e dos colectivos participantes, entre eles as asociacións de amas de casa, a Asociación Española Contra o Cancro, Cáritas, as comisións de festas, Amicos, COGAMI, Ambar, o Centro Sociocomunitario e a Asociación de Empresarios.
O alcalde recoñeceu expresamente o labor de Estefanía Ramos e da traballadora municipal Sara Sánchez na organización da actividade. Os agradecementos estendéronse ao persoal municipal, ás persoas voluntarias de Protección Civil e ás empresas colaboradoras: Agroforestal Fidalgo Abelleira, Distribucións Xastriña, Constrios, Excavaciones Nima, Net Claire Barbanza, Gadisa, DS Smith, Congalsa, Electrobatalla e Mobalco Stilinea Cocinas.
Deste xeito, “o Xantar de Confraternidade das Persoas Maiores mantivo a súa esencia como punto de encontro, adaptando a celebración ás circunstancias excepcionais e facendo do respecto, da solidariedade e do acompañamento os protagonistas desta edición”, destacaron dende o Concello.



