
Logo da celebración do último pleno da Corporación Municipal do Padrón, o equipo de Goberno (PSOE) fixo balance da sesión. Nel achegáronse críticas directas á oposición (BNG e PSOE) por “dificultar a acción do Goberno municipal, actuando conxuntamente, mesmo cando non existe unha xustificación política nin económica que sosteña as súas decisións”. Esta acusación vén a conto logo de que os ditos dous grupos decidisen non aprobar a proposta de retribucións á nova concelleira Yolanda C. Castro, o que impediu, en palabras do Goberno “que poida desenvolver a súa responsabilidade municipal cunha dedicación remunerada”.
Isto, sinalou o Executivo, “resulta ben difícil de entender se se ten en conta que a proposta presentada polo Goberno local supuña un aforro de 7.000 euros anuais para as arcas municipais”. A proposta económica para Yolanda Castro establecía unha dedicación parcial do 60 % e unha retribución anual de 27.000 euros.
Respecto da postura do PP, o grupo do PSOE sostén que “chama a atención que o voceiro do PP, Ángel Rodríguez Conde, perciba 78.577,24 euros anuais como deputado no Parlamento galego, sen ter ningunha responsabilidade nin apenas presentar iniciativas, mentres o seu grupo impide que unha concelleira con responsabilidades de goberno poida percibir unha retribución municipal xusta polo seu traballo”.
No caso do BNG, lembran que “a súa voceira é traballadora do seu propio partido polo cal tamén percibe un salario”.
Para os socialistas, “o acontecido coa retribución de Yolanda Castro non é un feito illado. Nos últimos plenos estase producindo unha escalada de tensión nas intervencións da voceira do BNG cara ao alcalde, que está dificultando o desenvolvemento normal dos debates e o funcionamento do pleno onde emprega descualificacións constantemente e interrupcións cun ton que sobrepasa ao de todos os presentes”.
O grupo de Goberno critica tamén que “hai apenas uns meses, PP e BNG xustificasen boa parte dos problemas de funcionamento da Corporación municipal atribuíndoos ao Regulamento Orgánico Municipal (ROM), reclamando cambios no seu contido e funcionamento; porén, unha vez negociado e modificado co consenso de todos os grupos políticos, son precisamente estes mesmos grupos os que están protagonizando episodios nos que non respectan as normas acordadas”.
Para o Executivo local, “un exemplo foi o sucedido co concelleiro do PP Francisco García, quen solicitou unha nova quenda de preguntas que acabou utilizando para insultar ao alcalde e quebrantar o decoro na sesión.
E conclúen: “O que se está vendo na Corporación municipal é unha dinámica na que PP e BNG coinciden reiteradamente en posicións que dificultan a acción do Goberno local. A discrepancia política é lexítima. O bloqueo permanente ten consecuencias. E esas consecuencias non as pagan os partidos, págaas Padrón e os seus veciños e veciñas”.



