
O dato das 500 noites lembroumo o pasado San Froilán o magnífico Carlos García-Boente Carro, á fronte de La penúltima sabinera, que foi debullando os éxitos de Joaquín Sabina diante do entusiasmo dos presentes, deixando para o remate os dous temas para min máis sobranceiros: o das badaladas nunha noite de amor e o do período do esquecemento, estimado en dezanove días e cincocentas noites.
Esa cifra foi a espoleta. Naquel momento, en vivo e en directo, botei a conta, e resultou que as cincocentas noites cumpríanse o dezaseis de outubro; xa hai uns días.
É raro que eu pida para min, pero adoito pedir ás institución onde chego para asociacións ás que pertenzo, que teñen necesidades para vivir ou para medrar, e para cubrir esas necesidades recoñezo ser un pedichón.
Pensando en ir facer campaña en Madrid a prol da declaración de interese turístico nacional para unha das miñas fillas asociativas, pedín audiencia coa responsable provincial correspondente o 3 de xuño de 2025, agardando ser recibido desde entón.
Teño o aval e compañía do concello, da autonomía, e fáltame o da provincia. Pero nin sequera puiden pedir nada, porque levo agardando (diría Sabina: dezanove días e cincocentas noites) un tempo prudencial, pero agora ao superar esta cifra máxica se cadra teña que perder toda esperanza como Dante describe que indica a inscrición da porta do Inferno.
Terei logo que ir a Madrid co aval do Concello, da Xunta… o cal está moi ben. Pero se me preguntan pola provincia non saberei que dicir. E tampouco é cousa de poñerme a cantar por Sabina, porque nin estou capacitado nin ían entender o que lles estaba cantando/contando.



