Ribeira iza a súa quinta Bandeira Verde

28 Outubro 2026

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto ao concelleiro de Medio Ambiente, Víctor Reiriz, izaron hoxe no paseo marítimo de Coroso a quinta Bandeira Verde de Galicia que recibe o municipio por quinto ano consecutivo.

Esta distinción fundaméntase nun total de 11 proxectos que recoñece a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático por supoñer boa praxe ambiental e de protección da paisaxe; unha serie de actuacións enmarcadas nunha estratexia global orientada á mellora da sustentabilidade urbana e ambiental, ao impulso da eficiencia enerxética, á protección do patrimonio natural e á promoción dun modelo turístico sostible e inclusivo.

“Por quinto ano consecutivo, dende o 2022, logramos este recoñecemento cunhas accións que evidencian o compromiso coa sustentabilidade ambiental, a protección da paisaxe, a mellora da eficiencia enerxética, a conservación do patrimonio natural e cultural e a implantación dun modelo de desenvolvemento territorial sostíbel, integrador e resiliente”, segundo declarou a rexedora, engadindo que “xa no verán ondeou esta distinción xunto á Bandeira Azul”.

Balance de proxectos acometidos

Os 11 proxectos polos que o Concello de Ribeira recibiu a Bandeira Verde de Galicia neste 2026 versan sobre distintos ámbitos como, por exemplo, o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) Ribeira, destino litoral sostible con diversas intervencións para a conservación e difusión do patrimonio cultural e natural do municipio, promovendo, ao mesmo tempo, un turismo sostible eficiente e innovador; ou rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética da Casa Consistorial mediante unha renovación integral do inmóbel.

Actualmente, en “aras a poñer en valor o traballo presente e futuro”, a mandataria local sinalou “a mellora da envolvente do Conservatorio de Aguiño; a recuperación dunha senda en Carreira a través dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente; o subministro de 110 composteiros domésticos e 50 novos que se entregarán ao abeiro dunha nova campaña; a recepción do punto limpo de proximidade que se efectuará nesta semana; os talleres de reciclaxe de téxtil que se están impartindo para darlle unha segunda vida ás prendas de roupa; ou outros obradoiros de reciclaxe previstos para decembro, entre outras accións”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.