
O Concello de Padrón presenta unha nova edición do Outono Cultural, que entre o 7 de novembro e o 12 de decembro ofrecerá unha ampla programación de teatro, música e humor para todos os públicos. A primeira cita terá un carácter especial, coa entrega do XXV Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva 2025 á actriz Natalia Outeiro, coñecida como Pajarito, o sábado 7 de novembro.
A programación busca “converter novamente o outono padronés nun tempo de encontro arredor da cultura, combinando propostas de compañías consolidadas do panorama galego con actuacións de agrupacións locais e de teatro non profesional”, informou o Concello, engadindo que “a maioría das citas celebraranse ás 19.00 horas no Auditorio de Padrón, e todas son de entrada libre ata completar a capacidade”.
O Outono Cultural abrirase o próximo sábado 7 de novembro coa entrega do Premio Maruxa Villanueva á actriz, pallasa e directora de teatro e circo Natalia Outeiro Pajarito, que presentará o seu novo espectáculo de clown, A Estrada, destinada ao público familiar.
A seguinte cita será o venres 13 de novembro con Ibuprofeno Teatro, que levará ao escenario Bio Construción.
A música será a protagonista o sábado 14 coa celebración do XXXIX Festival Santa Icía, que reunirá sobre o escenario do Auditorio Municipal a Coral Polifónica La Salle de Santiago, a Coral de Luou de Teo e a Coral Polifónica Padronesa.
Xa o venres 20 de novembro, Padrón recibirá o artista Quico Cadaval, que xunto con Producións Teatrais Excéntricas presentará 30 anos a contar historias. Notas de rodapé, unha proposta coa que o narrador e director teatral percorre tres décadas dedicadas á palabra e aos escenarios.
Un día despois, o sábado 21 de novembro, será a quenda da Banda de Música Municipal de Padrón, que ofrecerá o seu tradicional Concerto de Santa Icía.
A programación de novembro pecharase o venres 27, ás 18.30 horas, coa participación da Asociación de Mulleres Rurais A Carballeira de Padrón, que representará a obra de teatro Moldes, de Ramón Torrente García.
Teatro e música para despedir o ano
O Outono Cultural continuará en decembro cunha sucesión de propostas. O venres 4, Teatro Malasombra representará O proceso, mentres que o sábado 5 será a quenda do teatro non profesional con Airiños de Rianxo e a súa obra A vida de Brais.
O martes 8 de decembro chegará unha das propostas musicais máis singulares da programación: Piano e candeas, un tributo ao compositor e pianista italiano Ludovico Einaudi que está previsto (de xeito excepcional) que se celebre na Igrexa de Santiago de Padrón, tamén ás 19.00 horas.
A recta final chegará o venres 11 de decembro con Tarabela Creativa, que porá en escena O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger.
O sábado 12 de decembro será Charamela Teatro quen poña o peche á programación coa representación de Un xogo desastroso, unha nova proposta de teatro non profesional.
Co Outono Cultural 2026, o Concello de Padrón mantén unha programación continuada durante os meses de novembro e decembro, combinando teatro profesional e afeccionado, música e propostas para diferentes públicos, e “favorecendo ao mesmo tempo a presenza no escenario de agrupacións e entidades vinculadas á vida cultural do municipio”, informou o Concello.
Esta cita, xa consolidada no calendario cultural padronés, conta co apoio da Deputación da Coruña e coa inclusión na Rede Cultural.



