O BNG logra a unanimidade do pleno para reclamar melloras no transporte público e abrir o apeadoiro de autobuses

27 Outubro 2026

O Bloque Nacionalista Galego conseguiu o respaldo unánime do pleno da Corporación Municipal de Ribeira á súa iniciativa para reclamar melloras no transporte público regular e escolar, impulsar unha conexión directa por autobús coa estación de ferrocarril de Catoira e realizar as xestións necesarias para reabrir o apeadoiro de autobuses con todas as garantías. A moción, defendida polo ex-alcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, fora presentada en setembro e debateuse finalmente no pleno deste mes debido, sinalaron, “á demora do Goberno local na tramitación dos asuntos plenarios”.

Pérez Barral advertiu “da necesidade de actuar ante unha situación que afecta diariamente a numerosas persoas usuarias do transporte público, ás familias, ao estudantado e aos traballadores e traballadoras do municipio”. Engadiu que “Ribeira necesita un transporte público digno, fiábel e adaptado ás necesidades da veciñanza, non podemos normalizar as deficiencias das liñas regulares, os problemas do transporte escolar nin que sigamos sen unha conexión directa coa estación de tren de Catoira”.

O ex-rexedor lembrou que, en xullo de 2024, o conselleiro de Presidencia anunciara unha nova licitación da concesión do transporte regular da comarca, despois de anos de queixas cidadás polos incumprimentos e deficiencias do servizo. O BNG trasladara reiteradamente estas demandas ao Parlamento galego até que finalmente a Xunta de Galiza lle concedeu a liña novamente a Monbus en setembro deste ano 2026 por 13,6 millóns de euros. “Todo isto a pesar de que a empresa acumula numerosas queixas das persoas usuarias e fora condenada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a pagar unha penalización á Administración autonómica por incumprimentos contractuais”, criticou, engadindo que “non abonda con dicir que se van estudar as propostas se despois se rexeitan necesidades tan importantes como que os autobuses pasen en hora ou conectar Ribeira coa rede ferroviaria. Falamos de facilitar os desprazamentos da veciñanza e do estudantado ás principais cidades galegas, reducir a dependencia do coche particular e ofrecer unha alternativa máis económica e sostíbel”.

Caos no inicio do curso escolar

Pérez Barral indicou que “a esta situación súmanse os problemas rexistrados no transporte escolar de Ribeira ao comezo do curso 2026-202″7. Segundo denunciou o BNG e recoñeceu o Goberno local, “Monbus iniciou o curso sen cumprir a obriga de subrogar o persoal de condución e acompañamento das liñas escolares do municipio, o que provocou un conflito laboral, atrasos diarios, desorganización nas paradas das distintas parroquias e preocupación entre as familias e as asociacións de nais e pais do alumnado”.

“Quero mostrar o apoio do BNG ao persoal que fai ben o seu traballo pero non pode atender todo pola falta de medios. Con esta iniciativa queremos mostrar o noso apoio para que o transporte escolar funcione con normalidade desde o primeiro día. As familias precisan garantías e organización, e o persoal ten dereito a que se respecten as súas condicións laborais. O Concello debe implicarse e esixir solucións para que esta situación non volva repetirse”, defendeu o portavoz nacionalista.

Apeadoiro de bus

O BNG foi crítico co Goberno local respecto do apeadoiro de buses: “Dende que chegaron ao Executivo pecharon o apeadoiro impedindo que as persoas usuarias poidan dispoñer dun espazo cuberto no que resgardarse da chuvia e do vento, así como dos baños públicos cando baixo o goberno de Pérez Barral estaba aberto de 8:00h a 23:00 horas”. E engadiu: “Non ten sentido investir cartos públicos nunha infraestrutura necesaria para a veciñanza e mantela pechada durante meses. Hai que resolver os problemas que existan e reabrila con garantías canto antes”.

O portavoz do BNG valorou o acordo unánime da Corporación como “un respaldo ás demandas das persoas usuarias e á necesidade de mellorar un servizo esencial para a mobilidade e a calidade de vida da veciñanza”. O acordo inclúe “reclamar solucións ás incidencias do transporte regular e escolar, realizar as xestións necesarias para garantir a apertura do apeadoiro e instar a Xunta de Galiza a mellorar a conexión de transporte público coa estación de ferrocarril de Catoira”.

“Agardamos que esta unanimidade se traduza en feitos. O importante non é aprobar as propostas, senón que se resolvan os problemas que sofre a veciñanza. Ribeira necesita un transporte público á altura das necesidades do municipio e institucións que traballen para conseguilo”, concluíu Luís Pérez Barral.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.