
A Deputación da Coruña, a través do Plan de Emprego Local (PEL) e en colaboración coa Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), pon en marcha unha nova oferta de formación gratuíta no marco do programa Provincia Emprendedora. A iniciativa busca reforzar as capacidades do tecido empresarial da provincia e ofrecer ferramentas para impulsar novos proxectos e negocios.
A programación está dirixida sobre todo a pequenas empresas, persoas autónomas e emprendedoras, e, segundo informaron as dúas entidades, “foi deseñada a partir das necesidades e demandas identificadas nas mesas de diagnóstico sectorial desenvolvidas nos últimos meses no marco do programa”.
Nestes encontros participaron profesionais e representantes dos sectores do turismo, as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), o audiovisual, o sector primario, as enerxías renovábeis e a sustentabilidade. No seu transcurso puxéronse de manifesto algúns dos principais desafíos aos que se enfronta o tecido produtivo da provincia. Entre eles destacan a transformación dixital, a mellora da comercialización, a xestión económica e financeira, as dificultades para captar persoal cualificado e a remuda xeracional.
A nova oferta formativa busca “dar resposta a estas demandas mediante contidos especializados e de aplicación directa á realidade empresarial, co obxectivo de facilitar a adquisición de competencias, mellorar a competitividade dos negocios e favorecer a súa adaptación aos novos retos do mercado”, informaron.
O catálogo combina cursos especializados de ata 90 horas de duración con obradoiros prácticos de dúas horas, centrados en cuestións concretas da actividade empresarial.
A maior parte das accións desenvolveranse en modalidade virtual ou de teleformación, facilitando o acceso á formación e a súa conciliación coa actividade profesional.
Entre as propostas de maior duración figura o programa avanzado de Marketing e Estratexia Dixital, orientado a mellorar a presenza das empresas na contorna dixital e fortalecer as súas estratexias de comunicación e comercialización.
A oferta inclúe tamén formación en Finanzas para non Financeiros; Dirección de Equipos e Coaching e Transformación Dixital da Empresa.
O comercio electrónico ocupa tamén un lugar destacado na programación, “con accións dirixidas á creación de tendas en liña e á mellora das vendas a través das redes sociais e doutras ferramentas de comunicación dixital”, informou a Deputación.
A estas propostas súmase o MVP Camp Sprint, un programa presencial de carácter intensivo e práctico deseñado polo equipo de SmartAoS para acompañar as persoas participantes no proceso de transformar ideas en solucións reais e validar novas propostas de negocio.
Ademais da formación en competencias dixitais e de dirección, Provincia Emprendedora incorpora “unha serie de obradoiros breves que abordarán situacións habituais na xestión de empresas e negocios, cun enfoque práctico e orientado á resolución de problemas”, informou a Deputación.
Entre os contidos previstos figuran os procedementos para actuar ante situacións de impagamento, os criterios para elixir a forma xurídica máis adecuada á hora de emprender, as obrigas en materia de protección de datos e as ferramentas para previr situacións de insolvencia.
Tamén se tratarán cuestións vinculadas á xestión de persoal, como o absentismo laboral ou a contratación e regularización de persoas estranxeiras, así como conceptos básicos de finanzas que permitan mellorar a planificación económica e a toma de decisións no día a día dos negocios.
O prazo de inscrición para as primeiras accións formativas xa está aberto. A programación arrancará a finais de outubro coa apertura progresiva das plataformas de formación dos primeiros cursos.
En concreto, o acceso ao programa avanzado de Marketing e Estratexia Dixital estará dispoñíbel a partir do 28 de outubro, mentres que o curso Venda en liña na empresa: redes sociais e ferramentas de comunicación abrirá a súa plataforma o 2 de novembro.
Pola súa banda, a formación en Dirección de Equipos e Coaching comezará o 4 de novembro, cunha modalidade mixta que combinará o traballo a través da plataforma formativa con sesións virtuais impartidas por persoas expertas na materia.
O catálogo continuará ampliándose con novas accións e obradoiros ao longo do desenvolvemento do programa, atendendo ás prioridades identificadas e ás necesidades do tecido empresarial da provincia.
Todas as actividades son gratuítas. As persoas interesadas poden consultar a oferta formativa completa, coñecer as características de cada curso e formalizar a súa inscrición a través da páxina web da Confederación de Empresarios da Coruña.
Para obter máis información sobre o programa Provincia Emprendedora e as súas liñas de actuación, podemos consultar a páxina web do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña.



