Os afectados polo peche do Cámping Ría de Arousa temen polo futuro dos seus bens tralo precintado das instalacións

27 Outubro 2026

As consecuencias do peche do Camping Ría de Arousa (A Pobra) ordenado pola Policía Autonómica o pasado mes de setembro está a ter importantes consecuencias para propietarios e usuarios.

Así o contan nun comunicado dende a plataforma de persoas prexudicadas polo peche, no que denuncian “publicamente a gravísima situación que están a vivir numerosas familias tralo precintado das instalacións”. Segundo engaden, “non estamos a falar simplemente do peche dun cámping, estamos a falar de familias desesperadas, persoas maiores que levaban moitos anos alí e que agora enfróntanse a perder boa parte dos aforros da súa vida ante a impotencia e a falta de protección que denuncian por parte das administracións”.

Apuntan que “o máis indignante é que estas familias xamais pretenderon cometer ningunha irregularidade, mercaron as súas caravanas e mobil-homes, instalaron avances, realizaron melloras e pagaron as súas cotas durante anos co coñecemento e consentimento da empresa xestora, Iniciativas Turísticas Galegas, S. L. (ITUGA)”.

Os feitos

Como lembraremos, en setembro a Policía Autonómica de Galicia precintou as instalacións do Cámping Ría de Arousa I, emprazado a carón da praia de Cabío (A Pobra). Segundo informaron diversos medios, trátase dun peche orixinado “polo incumprimento de requirimentos administrativos” a través dos cales os responsábeis do establecemento turístico debían afrontar “unha reparcelación” e mudar a localización de varios bungalós. Desde a empresa confirmaron o precintado das instalacións.

A Xunta de Galicia tomou esta medida cautelar por mor de “irregularidades urbanísticas e turísticas acumuladas pola empresa xestora tras varias inspeccións”. Ao parecer, o recinto viña sobrepasando o límite de instalacións autorizadas.

Descoñecemento das irregularidades

Segundo a versión dos afectados, a empresa “nunca” lles comunicou que as súas propiedades puidesen atoparse nunha situación administrativa que comprometese a súa permanencia. Mentres tanto, indican, “a empresa seguía cobrando e permitindo novos investimentos”. E engaden: “Agora, de súpeto, esas mesmas instalacións parecen converterse nun problema do que os propietarios deben desfacerse, asumindo enormes perdas. Como é posible que unha empresa consinta durante anos estas instalacións, cobre por elas e despois pretenda que sexan as familias quen soporten todas as consecuencias?”.

As persoas afectadas sinalan que “dende que estalou o conflito, a xestión de ITUGA está a ser denunciada por numerosas familias. O cámping permanece precintado e anúncianse aperturas puntuais para retirar pertenzas, en ocasións con moi escasa antelación. Estamos a falar de persoas que viven noutras localidades, que teñen traballos, obrigas familiares e, nalgúns casos, unha idade avanzada que dificulta enormemente organizar desmontes e traslados”, informan.

Os afectados relatan que “primeiro se lles indicou que non buscasen transportistas pola súa conta porque a empresa organizaría as retiradas e despois xurdiron versións contraditorias sobre quen asumiría os gastos, que traballos serían gratuítos e cales non”. Apuntan que co almacenamento ocorreu algo semellante: “Inicialmente trasladáronse unhas condicións e posteriormente apareceron outras”. Mentres tanto o tempo corre e “as nosas propiedades están en perigo”, indican, apuntando que “o acontecido durante esta última fin de semana resulta especialmente desolador”.

Segundo os testemuños de afectados, “o cámping presentaba a fin de semana unha imaxe de desmantelamento, con táboas, materiais e elementos de instalacións retiradas por distintas zonas do recinto”. Denuncian que “durante as xornadas de acceso, terceiras persoas entraron con coñecemento ou permiso da empresa para adquirir caravanas, avances e outros elementos por cantidades simbólicas, elementos tras dos cales hai anos de aforro, traballo e ilusións familiares”. Así, sinalan que “persoas que durante anos gozaron das súas instalacións agora vense empuxadas a vendelas practicamente por nada, ante o temor de perdelas definitivamente”. Outras familias denuncian que se lles ofreceu trasladar as súas caravanas ao Cámping Ría de Arousa II, inicialmente coa expectativa de permanecer gratuitamente, “para despois coñecer que terían que pagar a partir de Semana Santa”, sinalan.

No comunicado din tamén que “a situación das mobil-homes particulares é igualmente alarmante, xa que moitas incorporan avances de madeira, cubertas, polo tanto o seu traslado non consiste simplemente en enganchalas a un guindastre: desmontalas pode significar destruír parte da instalación e provocar que conxuntos nos que se investiron miles de euros perdan practicamente todo o seu valor”.

Os afectados aseguran que “a empresa pretende organizar a súa retirada, pero seguen sen dispoñer de garantías suficientes sobre os procedementos, os custos, a responsabilidade por danos ou as valoracións técnicas previas”.

Ademais, segundo as explicacións que lles trasladaron representantes da empresa, as mobil-homes serían instalacións ilegais, porén, denuncian que “xamais nos advertiron deste feito, permitindo a súa instalación, permanencia, compravenda e investimento durante anos”.

As familias din tamén que a Administración (Turismo de Galicia) as deixou “completamente desamparadas”, a mercé das decisións da empresa responsábel de xestionar o establecemento cuxos incumprimentos motivaron o peche.

Non piden que se incumpra a lei. Piden que “se protexan os seus dereitos, que poidan conservar as probas dos seus investimentos e que non se permita destruír ou retirar os seus bens sen as garantías correspondentes”.

Os afectados tamén botan en falta unha intervención efectiva por parte do Concello que lles permita “coñecer que solucións existen para protexer as súas propiedades e evitar prexuízos irreversíbeis”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.