
O Concello de Rianxo, a través do seu alcalde Julián Bustelo, vén de facer balance dos números acadados no anterior exercicio, que o grupo de Goberno foi quen de pechar cun resultado positivo (diferenza entre ingresos e gastos de 205.239,21€) e un remanente de tesouraría (o diñeiro sobrante que queda ao final dun exercicio económico) que acada os 758.535,19 euros.
Segundo lembrou Bustelo, a Administración mantén unha débeda de 3.213.197€, dos cales a metade deriva dos préstamos que se formalizaron para a adquisición do Pazo de Rianxiño e para a rehabilitación do Pazo de Martelo. “En calquera caso, a débeda está moi por debaixo dos límites legais”, recordou, engadindo que “este ano aprobamos o Orzamento máis alto da historia de Rianxo, unhas contas que acadaron os 12.144.736,94€ e que supuxeron un incremento de máis do 30% respecto das anteriormente aprobadas”.
E engadiu: “Seguimos cun altísimo volume de obras licitadas. Neste 2026 levamos licitadas actuacións por importe de 1.899.436,12€. Se isto llo sumamos ás obras licitadas no que vai de lexislatura estamos xa moi por encima dos 5 millóns de euros”.



