
A terceira edición da xuntanza de esculturas de area sumou a centos de persoas no litoral ribeirense nas tres paradas que tivo neste verán: praia do Porto, en Aguiño; praia da Ladeira, en Corrubedo; e praia da Corna, en Palmeira. En consecuencia, a alcaldesa, María Sampedro, e o concelleiro do Mar, Fernando Abraldes, quixeron destacar o labor desinteresado de Suso Paz como coordinador da actividade facéndolle entrega dun agasallo institucional consistente na figura dun faro.
Sampedro puxo en valor a súa contribución nunha xuntanza que “converteu o noso litoral nun lugar no que a rapazada, xunto ás súas familias, potenciou a súa creatividade transformando a area en diversas esculturas con formas, principalmente, de animais. Así, hipopótamos, tartarugas, lagostas, baleas ou, incluso, criaturas lendarias como dragóns deixáronse ver na nosa costa da man do enxeño destes pequenos artistas. Unha actividade que ofrece aos nenos e nenas alternativas de lecer nas contornas mariñas das nosas parroquias na compaña das súas familias e que implicou tamén a Ágape como xurado”.
Un éxito de participación que a mandataria local atribúe “en gran parte ao traballo feito por Suso Paz como coordinador para que todo saíse de maneira óptima. Por iso quixemos ter este recoñecemento a un veciño que aportou o seu gran de area a esta proposta”.



