
O Concello de Noia celebrará o vindeiro sábado 7 de novembro unha nova edición do Magosto Popular, que terá lugar a partir das 18:00 horas na rúa do Curro. A iniciativa reunirá música, xogos tradicionais e castañas asadas nunha tarde aberta a toda a veciñanza.
A programación contará ademais coa actuación de Jaitas Blues, que animará a celebración coa súa música, e cun espazo de xogos tradicionais de madeira para os máis pequenos, a cargo de Xoaniña Animación. As castañas asadas, protagonistas desta festa do outono, completarán a proposta.
Un magosto especial en lembranza de Serafín, o Castañeiro
Segundo explicaron dende a organización na rolda de prensa, a celebración deste ano terá un significado especial pola súa coincidencia coa homenaxe que a 27ª Mostra de Curtas Vila de Noia dedicará ese mesmo día a Serafín, o Castañeiro, unha figura moi querida e lembrada na vila.
Deste xeito, o Magosto Popular sumarase á programación cultural desa fin de semana, contribuíndo a crear un ambiente festivo arredor dunha tradición tan vinculada á nosa terra como é o magosto.
A actividade contará tamén coa colaboración das ANPAs dos colexios da Barquiña e de Bergondo, que se suman á organización desta celebración.
Desde o Concello de Noia convídase tanto á veciñanza como ás persoas que se acheguen desde outros puntos da comarca a “participar nesta xornada, pensada para desfrutar en familia e compartir unha tarde de festa nas rúas da vila”.
O Magosto Popular forma parte das actividades coas que o Concello busca dinamizar os espazos públicos e manter unha programación cultural e de lecer ao longo do ano, recuperando e dando continuidade ás celebracións tradicionais.



