A alcaldesa, María Sampedro, recolleu este galardón que recoñece a boa praxe do municipio en conservación paisaxística, eficiencia enerxética e xestión ambiental.

O Concello de Ribeira volve lucir con orgullo a Bandeira Verde de Galicia. A alcaldesa, María Sampedro, foi a encargada de recoller este martes o galardón outorgado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, un distintivo que a localidade revalida de xeito ininterrompido dende o ano 2022.
Nesta edición, a renovación da bandeira fundamentase nunha ambiciosa estratexia global composta por 11 proxectos orientados a mellorar a sustentabilidade urbana, potenciar a eficiencia enerxética, protexer o patrimonio natural e promover un modelo turístico inclusivo e de futuro que chega tanto ao centro coma ás parroquias.
En palabras da rexedora, estas actuacións reflicten «o compromiso do goberno municipal coa sustentabilidade ambiental, a protección da paisaxe e a implantación dun modelo de desenvolvemento territorial sostible, integrador e resiliente».
Unha transformación en 11 claves
A posta en valor do municipio estrutúrase en diferentes eidos de actuación levados a cabo ao longo do último ano:
- Turismo e Urbanismo Sostible: Destaca a posta en marcha do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) ‘Ribeira, destino litoral sostible’ e a renovación do ascensor da casa consistorial para garantir a accesibilidade universal.
- Paisaxe e Patrimonio Natural: O municipio puxo en valor o roteiro turístico ‘Costa de Corrubedo’ (Monte Tahume, Faro e Parque Natural), executou melloras na contorna litoral da Ameixida e proxectou a recuperación da senda dos muíños do río Saíñas. Tamén se intensificou o control e erradicación da especie invasora Cortaderia selloana.
- Eficiencia Enerxética: Realizouse unha rehabilitación integral da casa consistorial para mellorar de forma notable o seu rendemento enerxético.
- Xestión de Auga e Residuos: Ampliouse a rede de abastecemento de auga potable na estrada DP-7304 para atender os asentamentos fóra do núcleo principal, estreouse un novo punto limpo móbil con 10 fraccións de reciclaxe e simplificouse o sistema de apertura dos colectores marróns de biorresiduos, apoiado cunha campaña específica de sensibilización.
- Concienciación nas Aulas: O alumnado dos colexios do municipio participou en obradoiros ambientais elaborando casiñas para paxaros con materiais integramente reciclados.
Con este paquete de medidas, Ribeira consolídase un ano máis como un dos concellos de referencia en Galicia polas súas políticas activas de conservación ambiental e desenvolvemento sostible.



