
María Lago, alcaldesa de Muros, emitiu hoxe un comunicado no que achega a postura do seu Executivo sobre as contas da Xunta. A rexedora sostén que se trata “dun castigo inxusto para a nosa veciñanza que a Xunta non inclúa o noso concello nos Orzamentos para o ano 2027”.
“Son documentos públicos que calquera persoa interesada pode consultar: nin un só euro de investimentos reais en Muros no ano 2027, como xa pasou neste 2026”, critica Lago.
A alcaldesa lembra que “os Orzamentos da Xunta son os orzamentos de todos os galegos e galegas, e Muros ten as mesmas necesidades e demandas que outros concellos que si reciben un claro apoio por parte do goberno galego”.
“Cando a Xunta de Alfonso Rueda ignora desta forma a un concello, non ignora ao goberno local, ignora e castiga aos veciños e veciñas de Muros, que pagan os seus impostos como os demais”, apunta María Lago.
“En materias tan sensíbeis como é o ensino público, os centros educativos de Muros levan anos pedido reformas estruturais sen éxito, ao igual que pasa con outras infraestruturas e proxectos pendentes da Xunta en Muros que necesitan reformas e investimentos”, engade, apuntando que “é triste ver un ano máis o listado de obras que a Xunta de Galicia executará na comarca e na provincia e non atopar nada para o noso concello”.
“Seguirei loitando e reclamando un trato digno para Muros, un concello borrado do mapa pola Xunta de Alfonso Rueda”, remata María Lago.



