
Máis de 600 deportistas daranse cita na vixésimo quinta edición do Cidade de Ribeira de Taekwondo que organiza o Club Natural Sport, coa colaboración do Concello, no Pavillón da Fieiteira durante esta fin de semana. A xornada do sábado, 24 de outubro, concentrarase nas categorías júnior e infantil, pola mañá, e absoluta e precadete, pola tarde; mentres que a mañá do domingo, 25 de outubro, estará dedicado en exclusiva á cadete; a máis numerosa e rankeable para o galego e portugués.
O concelleiro de Deportes, Álex Vidal, destacou que este tipo de probas xeran gran dinamismo na localidade non só a nivel deportivo, tamén económico e social, ao redundar positivamente no comercio, na restauración e na hospedaxe, motivo polo que ratificou o compromiso da Administración local e gabou o traballo feito polo Natural Sport nos seus 30 anos de historia. “Unha cita na que os nosos taekwondistas poderán demostrar na casa o seu potencial. Tamén é un RG3 que está no ranking galego, polo que é unha motivación que un campionato deste calibre se celebre aquí e poidan aspirar a clasificarse para o resto de probas coa selección galega”, en palabras do edil, para quen é especial este evento ao “ser o deporte no se desenvolvín a miña carreira profesional”.
Pero tamén haberá deportistas do panorama nacional e internacional, procedentes de países como Portugal, Francia ou Andorra. Así, participarán máis de 600 persoas como apuntou o director deportivo do Natural Sport, Juan Luis Martínez, quen salienta o nivel do campionato.
Os premios con naturalidade, que levan o nome de Ribeira ao máis alto noutras profesións, recoñecerán á deseñadora María Alborés, á fotógrafa Flora Iglesias e á reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras. En canto aos dedicados á traxectoria profesional haberá un agarimo a Chiqui Durán, fundador do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira, quen colaborou en numerosas ocasións coa entidade. Na traxectoria deportiva están premiados tres integrantes do Club Finestrat de Alicante: Jairo Agenjo e Violeta Díaz, campións europeos, xunto ao seu adestrador, Juan José González. E, no apartado de lendas deportivas, distinguirase a Andrea Rica, das primeiras mulleres en pertencer ao equipo nacional e adestrar no Centro de Alto Rendemento de San Cugat, e Miguel Dopazo, quen agasallou con numerosos combates merecidos de recoñecemento.




