Centos de persoas voluntarias retiran máis dunha tonelada de lixo no marco da XV Limpeza Simultánea de Praias

20 Outubro 2026

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) reuniu esta pasada fin de semana máis de 830 persoas voluntarias na XV Limpeza Simultánea de Praias, unha iniciativa que mobilizou entidades e colectivos da nosa terra para retirar o lixo dos areais galegos e denunciar a problemática ambiental dos residuos mariños. En total, participaron persoas voluntarias de 22 concellos da costa galega, que retiraron máis dunha tonelada de lixo, unha cifra que aínda podería aumentar coa incorporación dos últimos datos pendentes.

Nesta edición, desenvolvida durante unha fin de semana de tempo solleiro, o voluntariado volveu demostrar o seu compromiso coa conservación do litoral e coa necesidade de manter as praias libres de residuos. Baixo o lema Únete á marea!, a convocatoria contou coa participación de asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino e outras entidades, así como de persoas particulares.

As cabichas e os microplásticos, entre os residuos máis preocupantes

Entre os residuos atopados nos areais, volveron destacar as cabichas, un problema recorrente que persiste mesmo nalgunhas praias incluídas na iniciativa autonómica Praias Sen Fumes. A súa presenza, sinala ADEGA, “pon de manifesto a importancia de seguir traballando na prevención e na concienciación sobre o impacto ambiental dos residuos asociados ao consumo de tabaco”.

Outro dos aspectos máis preocupantes foi a presenza de microplásticos. “Aínda que estes residuos representan unha cantidade reducida en termos de peso, a súa abundancia e o seu impacto ambiental resultan especialmente preocupantes”, apunta ADEGA, engadindo que “a súa identificación e recollida permiten chamar a atención sobre unha forma de contaminación que pode pasar desapercibida, pero que afecta directamente aos ecosistemas costeiros e mariños”.

Ademais, nesta edición observouse un aumento da presenza de toalliñas húmidas nos areais, un residuo que evidencia a necesidade de mellorar os hábitos de consumo e a xestión dos produtos de hixiene.

Un problema que comeza moito antes de chegar ao mar

As limpezas organizadas por ADEGA son accións ecolóxicas e non mecanizadas que buscan retirar residuos dos areais, pero tamén sensibilizar sobre as causas da contaminación mariña. O modelo de produción e consumo baseado no “usar e tirar”, a deficiente xestión dos residuos e a falta de concienciación continúan a ser factores clave nesta problemática, sinala ADEGA ao tempo que lembra que estas iniciativas “non deben entenderse como accións illadas, senón como unha chamada á prevención e á responsabilidade colectiva”. Reducir o consumo de produtos desbotábeis, evitar o abandono de residuos e mellorar a súa xestión son medidas fundamentais para impedir que o lixo chegue aos ríos, ás praias e, finalmente, ao mar.

A asociación ecoloxista agradece a participación de todas as persoas voluntarias e entidades que fixeron posible esta XV edición da Limpeza Simultánea de Praias e anima a continuar colaborando na conservación do litoral galego. Así mesmo, lembra a importancia de recoller o lixo manualmente, respectando os ecosistemas dunares e tendo especial coidado coa fauna e a flora que habitan neles.

Esta actividade conta coa colaboración dos concellos de Ares, Cangas, Fene, Muros, Nigrán e O Grove.

No Barbanza, Muros e Noia

Pola contorna do Barbanza e Muros-Noia participaron o CEIP RAmón de Artaxa (Muros), o CEIP Ricardo Tobío (Muros), ADEGA Compostela (en Muros), a Asociación Cultural Mar de Muros (Muros), Noia Limpa (Noia). a Asociación de Veciños A Insuela de Panchés (Carnota), a Asociación de Veciños de Insua – Lariño (Carnota), o Concello da Pobra do Caramiñal (A Pobra), o CEIP do Porto do Son, AFEDIX Santiago (no Porto do Son) e o CEIP de Portosín (O Son).

No Son, a rapazada local puxo o foco en praias como Entre puntas, Coira, Gafa e Gaviotas. A rapazada contou coa axuda dalgunhas familias que acompañaron a alumnado e profesorado. “Aínda que seguimos recollendo moito lixo, principalmente todo tipo de plásticos, alégranos descubrir que cada ano atopamos algo menos”, informaron dende o Colexio de Portosín, lembrando que “é importante continuar traballando para que a conciencia ambiental forme parte do noso día a día e, de maneira moi especial na nosa ría, para que volva ser esa fonte de recursos que sempre foi para tantas familias”.

En Noia, o colectivo Noia Limpa retirou no marco desta xornada ata 70 quilos de residuos na praia de Testal.

Outros artigos

Rianxo e A Estrada xa son oficialmente concellos irmáns

Este luns 19 de outubro formalizouse finalmente a sinatura do protocolo de irmandamento entre os concellos da Estrada e Rianxo, historicamente unidos polas figuras de Virxinia Pereira Renda (A Estrada) e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo). A fraternidade...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A lei é para todos… salvo para algúns?” – José Luis Calo

“A lei é para todos… salvo para algúns?” – José Luis Calo

Hai case oito séculos, as Sete Partidas de Alfonso X pretendían establecer unhas regras comúns para ordenar a sociedade. Hoxe vivimos nunha democracia con leis e mecanismos de control, pero segue vixente unha pregunta fundamental: de que serven as normas se quen debe...

“Indefensión frente a la nesciencia”. José Fernández Lago

“Indefensión frente a la nesciencia”. José Fernández Lago

Soy un ciudadano de a pie, que no entiendo el organigrama gubernativo. Cierto que me siento con el derecho de considerar que los que ostentan algún tipo de cargos deberían tener los estudios oportunos, y no simplemente facilidad para comunicarse entre ellos y para...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.