
Este luns 19 de outubro formalizouse finalmente a sinatura do protocolo de irmandamento entre os concellos da Estrada e Rianxo, historicamente unidos polas figuras de Virxinia Pereira Renda (A Estrada) e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo). A fraternidade formal entre os dous concellos foi asinada polos alcaldes Gonzalo Louzao Dono (A Estrada) e Julián Bustelo (Rianxo).
Os dous gobernos locais escolleron este 19 de outubro por ser o día no que casaron Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira Renda.
“Dende a memoria desta parella fundamental da nosa historia contemporánea, unímonos dende hoxe para levar o seu legado ás vindeiras xeracións, para abrir novas vías de colaboración en materia de política cultural e para traballar xuntos naqueles retos que afecten a ámbolos dous municipios”, sinalaron, engadindo que “o noso país constrúese tamén así: a través da relación entre os seus municipios, das iniciativas que nacen no ámbito local e da capacidade das persoas para traballar xuntas por obxectivos comúns”.
O acto celebrouse na praza de Galicia da Estrada, a carón da escultura que representa a familia Castelao-Pereira, nun 19 de outubro no que se cumpren 114 anos do casamento, nesta mesma contorna, da estradense Virxinia Pereira Renda e o rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
A colaboración entre os dous concellos estase a materializar xa en actividades concretas, como a exposición Virxinia Pereira: Dez voltas na vida, que se pode ver estes días na praza de Padrón de Rianxo. A exposición (deseñada por Editorial Galaxia co asesoramento da escritora Montse Fajardo) é o primeiro proxecto que impulsan conxuntamente A Estrada e Rianxo. Esta instalación permite que veciños e visitantes descubran de preto a figura de Virxinia Pereira, protagonista do Ano Cultural 2026 no concello estradense e peza fundamental na conservación do legado de Castelao.



