A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, mantivo este luns un novo encontro de traballo coa veciñanza da rúa Habana, dando continuidade á rolda de xuntanzas institucionais a pé de rúa que o goberno local vén desenvolvendo recentemente noutras zonas do municipio como A Carroucha ou A Agriña.

O obxectivo principal da reunión foi analizar de primeira man o estado actual da vía e estudar posibles solucións para a mellora do firme no seu tramo final. Na actualidade, esta sección presenta unha superficie de formigón visiblemente deteriorada polo paso do tempo. Ante esta situación, a rexedora comprometeuse a valorar a renovación integral da calzada, apostando por alternativas como o formigón pulido ou o adoquinado, co fin de optimizar tanto a seguridade peonil como a circulación do tráfico rodado. Paralelamente a esta intervención, proxectarase tamén un novo sistema para a recollida de augas pluviais.
Atención aos espazos públicos e ao mantemento
A maiores das demandas viarias, o encontro serviu para abordar outras cuestións clave para a contorna, centradas principalmente nos traballos de mantemento. Entre os puntos analizados figuran a posta a punto da contorna da fonte e do lavadoiro local, así como o coidado dunha pequena praza situada nas inmediacións da rúa.
“Escoitar para acertar”
Durante a visita, a alcaldesa puxo en valor a importancia deste tipo de dinámicas de participación directa:
“Estas reunións permítennos coñecer a pé de rúa as necesidades dos veciños e veciñas de cada zona para incluír na folla de ruta deste goberno municipal, pois trátase de escoitar para acertar”, sinalou María Sampedro.
A rexedora tamén quixo facer fincapé en que gran parte das demandas veciñais xiran arredor de servizos básicos esenciais: “Cuestións relativas a saneamento, abastecemento e pavimentación, para as que elaboraremos proxectos e buscaremos financiamento co obxectivo de materializalos e acadar unha mellora directa na calidade de vida da cidadanía”.




