
Ambar, entidade inclusiva do Barbanza, abriu a reserva anticipada da 12a edición do seu xa tradicional Calendario Solidario. O proxecto conta novamente coa colaboración do fotógrafo Pichero e xira arredor dunha temática moi especial: o cinema español. Segundo explica Ambar, “máis alá de render homenaxe ás grandes películas do cinema estatal, esta iniciativa combina creatividade e inclusión coa participación activa das persoas usuarias da nosa asociación”. O seu
obxectivo principal é visibilizar a diversidade e impulsar proxectos que garantan unha vida independente e plena na comunidade.
A recadación obtida coa venda dos calendarios destinarase integramente a impulsar o proxecto de Vivendas Inclusivas no edificio de Praia Xardín (Boiro), un espazo cedido polo Concello de Boiro. Esta iniciativa supón un paso fundamental para seguir promovendo o benestar, a autonomía e o dereito á vida independente das persoas con diversidade funcional.
Para garantir que todas as persoas interesadas poidan adquirir o seu exemplar, a modalidade de prevenda xa se atopa activa. Como agradecemento polo apoio inicial, as primeiras 20 reservas recibirán un agasallo artesanal exclusivo, elaborado polas propias persoas usuarias nos obradoiros da asociación.
A reserva anticipada pódese realizar a través das seguintes canles: a través da web (a través da cal podemos escoller entre envío a domicilio —que se efectuará en canto os calendarios estean dispoñíbeis— ou recollida no centro, caso no que se enviará un aviso para pasar a buscalo), por teléfono (981 87 44 80), mediante correo electrónico (comunicacion@asociacionambar.org) ou ben presencialmente (achegándonos ó Centro de Recursos de Ambar).
“Cada calendario non é só un tributo ó cine, senón unha ferramenta esencial para seguir construíndo unha sociedade máis xusta, onde a vida independente sexa unha realidade para todas as persoas”, explican dende Ambar.




