Luís Pérez Crujeiras (texto).

Ribeira, 22 de xaneiro de 1948.
A vida de Pepita Vidal Pérez é unha historia de esforzo, oficio e talento inesperado. Nacida nunha familia humilde, traballou desde nena na tenda familiar mentres a súa nai estaba na praza do mercado, situada na actualidade entre o Centro de Saúde e Facenda, a tenda era —a Tenda de Concha, Piseira— onde aprendeu o valor da responsabilidade e da comunidade.
Da costura ao oficio de modista
Aos 12 anos comezou a aprender a bordar a man, e aos 14 entrou como aprendiz na casa de dona Pepita Santos, unha modista recoñecida que participou na construción do monumento ao Corazón de Xesús. Alí pasou catro anos, perfeccionando a técnica, antes de continuar a súa formación con Pepita A Serana.
En 1969 viaxou a Vigo para estudar corte e confección na academia Sistema Casais. Para chegar á cidade tiña que coller o vapor ata Vilagarcía e logo o autobús de Sabas, unha viaxe longa que non lle impediu converterse nunha profesional destacada.
Ao volver a Ribeira, Pepita abriu o seu propio obradoiro.
Nas festas chegou a confeccionar 13 vestidos nun só verán, e aos 22 anos, acabada de casar, impartía clases de bordado a man a máis de 50 rapazas —35 pola mañá e 35 pola tarde— mentres compaxinaba a costura e a vida familiar.
Nai de tres fillos, deixou a escola aos 11 anos tras a morte do seu pai nun naufraxio na Canle da Mancha.
A descuberta da escritura
A profesora que lle deu clase de adulta non daba crédito: Pepita, sen estudos formais, comezou a escribir aos 62 anos. A súa primeira carta foi para o seu pai falecido. Escribiuna ás catro da mañá, incapaz de durmir por unha enfermidade, e sen pretendelo saíulle en verso. O seu marido, Ramón, animouna a seguir.
A segunda carta dedicoulla á súa nai; a terceira, á nai do seu marido, quen perdera á súa proxenitora aos catro anos. O texto foi como Pepita atopou e describiu a fotografía que o seu home nunca vira. A emoción de poder expresar aqueles sentimentos marcou un antes e un despois.

A súa filla máis nova, enxeñeira naval, atopou a fotografía nun arquivo hospitalario de Santiago, e envioulle unha carta certificada o director expresando o acontecido. Ese achado inspirou a obra Un feito real, coa que Pepita se presentou a un certame literario.
O recoñecemento literario
En 2018 gañou o seu primeiro premio no Concurso de Poesía da Asociación Albariza de Artes. Desde entón, cada ano suma unha nova obra galardoada.
Se o xurado o confirma, o próximo mes podería acadar o noveno premio consecutivo.
As súas obras premiadas inclúen:
2018: Naufraxio de Santa Isabel
2019: Dous amigos
2020: Violencia de xénero
2021: Unha visita a Santa Uxía
2022: A nosa praia de Colomer
2023: Dedicada a meus pais
2024: Un feito real dun retrato
2025: A vida hai que amala
Cada poema é unha peza de memoria: historias reais, lembranzas familiares, escenas da Ribeira antiga e reflexións sobre a vida, lugares onde se coñeceu e enamorou a maioria dunha xeración de ribeirenses como foi o baile de Cambeiro.
Temas e obras destacadas
A vida hai que amala: unha homenaxe ao seu marido, aos fillos e aos netos; un consello vital sobre a superación.
Violencia de xénero: ficción baseada en casos reais que a autora viu nas noticias.
Dous amigos: encontro entre dous matrimonios maiores, un da aldea e outro da cidade, nun hospital.
A nosa praia de Colomer: poema nostálxico sobre un espazo desaparecido para construír o actual Centro de Saúde.
Un cativo avisado: historia real contada pola súa filla sobre un neno que quería ser coma o seu avó porque “cobra cartos e dorme a sesta”.
Un fracaso de Entroido: obra inédita que denuncia o machismo da época, narrando como unha moza non puido disfrazarse polo loito da súa avoa.

Pepita conserva tamén relatos humorísticos da súa mocidade, como a anécdota da señora que confundiu azucre con arroz nunha cociña escura, provocando un guiso imposible de comer. Son historias que ela mesma define como “outros tempos”.
Para poder complementar a súa biografía; Pepita contanos a anécdota vivida de como comezou a presentarse a certames pois foi Maria José Carreira que preguntou ó señor Digar de Artes sobre persoas maiores que escribiran. E como cortesía con este diario contaremos unha destas historias inéditas da súa colección de cartas:
Nunha ocasión veu unha señora
a buscar cuarto quilo de arroz.
Era para sete na casa,
e miña nai deixárame os cartuchos feitos,
mais eu, sen luz na cociña,
confundín o saco e o peso:
por arroz dinlle azucre,
e eu nin conta dera do erro.
A muller guisou o peixe,
baleirou o cartucho enteiro,
que a cociña era escura
e non se vía o contido.
E nese intre chegan os fillos,
que traballaban na carpintería,
mortos de fame, cansos do día,
van probar o guiso doce
coma quen proba mel na tixola fría.
A espátula sae limpa,
sen arroz, sen gran, sen nada:
só o peixe, só o caldo,
e o caldo sabe a murcio,
“o que non o queira, que o deixe”.
Ela lavou o peixe á présa
para disfrazar o azucre con sal,
mais a sorpresa foi grande
cando botou o arroz no final:
seguía doce, seguía raro,
“o que non o queira, que o deixe”.
Non comeron os pratos,
porque eran de pedra,
porque se non, coa fame que tiñan,
ata os pratos comerían.
Así era aquel tempo,
Unha voz da memoria ribeirense
Hoxe, Pepita Vidal Pérez continúa a escribir e a tomar clases de galego normativo. Os seus textos recollen nomes, lugares, personaxes e vivencias da Ribeira de mediados do século XX, converténdose nunha memoria viva da cidade.
Natural de Ribeira, comparte o palmarés literario coa tamén premiada Madalena Castro de Palmeira, formando parte dun grupo de mulleres que están a recuperar a tradición oral e poética da comarca.
O vindeiro 22 de novembro, Pepita agarda a resolución do novo Certame Albariza de Poesía (Artes, Ribeira). Quizais, unha vez máis, a súa voz humilde e sincera volva conquistar ao xurado.



