O festival Culturgal Expandido, celebrado esta fin de semana no Mercado Municipal de Muros, pechou as súas portas cun balance moi satisfactorio tras congregar a máis de 1.000 espectadores cun programa deseñado para todas as idades. A iniciativa serviu de ponte para poñer en contacto a creatividade local coas propostas doutros puntos de Galicia.

O director de Culturgal, Camilo Franco, cualificou de «moi positiva a resposta a esta festa da cultura» e subliñou que o éxito da convocatoria «demostra a forza dos creadores e artistas locais e o interese dos diferentes públicos de Muros por todas as disciplinas da cultura galega». Así mesmo, Franco destacou que este apoio «pode ser o punto de partida dunha colaboración máis estable do Culturgal con Muros, que conta cunha gran enerxía cultural».
A programación rematou na mañá deste domingo coa actividade participativa «Ven e Baila». Grazas ao bo tempo, o espectáculo trasladouse á praza de Galicia, onde ducias de asistentes se animaron a bailar da man de Artur Puga e Os Enxebres.
Ao longo de tres xornadas, a cita muradá ofreceu unha axenda ampla e variada. A noite do sábado tivo como un dos pratos fortes o concerto de Lisdexia, nunha sesión que contou tamén coas achegas de Lois Pérez e Secho, así como cos escritores Diego Ameixeiras, Marga Tojo e Carlos Lixó. Pola súa banda, a sesión inaugural do venres estivo protagonizada por Cándido Pazó, Avelino González, Samuel L. París e a proposta musical e poética de Cinta Adhesiva (Silvia Pena e Jesús Andrés).



