Esta fin de semana proseguen en Noia as actividades culturais e fano en clave de teatro e de cinema, nos dous casos no Coliseo Noela. Organiza a Concellería de Cultura.
Sábado 17 de outubro · 20:00 h
O teatro afeccionado sobe ao escenario con Un tranvía chamado desexo, nunha adaptación de Sen Cancelas Teatro. Trátase da nova adaptación dun clásico do teatro universal, considerada a obra mestra do dramaturgo estadounidense Tennessee Williams, e que acadou o prestixioso premio Pulitzer en 1948. Esta obra foi levada ó cine en varias ocasións, e escenificada en mancheas de teatros de todo o mundo. Sen Cancelas Teatro constrúe a súa persoal versión xogando coa ficción e a realidade, presentando un mundo onírico nunha atmosfera cargada e calorosa. Enfrontando á súa protagonista co descrédito dos que a rodean e cos seus propios medos e reproches dentro dunha sociedade patriarcal e opresora.
Domingo 18 de outubro · 18:30 h
Rondallas volve a Noia. Tras o seu gran éxito, esta gran peza do cinema galego, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo, proxectarase por segunda vez na vila. Será, en palabras do Concello, “un regreso moi especial, xa que a súa première celebrouse precisamente no propio Coliseo Noela, hai case un ano, no marco da XXVI Mostra Internacional de Curtas Vila de Noia”.
Ambas as actividades son de entrada de balde.




