
A Casa da Cultura de Porto do Son acolle este sábado, 17 de outubro, ás 20:00 horas, o espectáculo Remelexo, unha proposta musical de Baraza incluída no ciclo cultural Outono das Artes organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Porto do Son
O dúo Baraza, formado por Alberte (acordeón diatónico) e Uxía (frauta e voz), chega ao Porto do Son co seu proxecto Remelexo, un concerto teatralizado que afonda na memoria colectiva a través da historia de Diniña, unha figura que simboliza a experiencia de tantas galegas e galegos que emigraron ao Brasil ao longo do século XX. A proposta transita entre as músicas tradicionais de Galicia e do Brasil, incorporando elementos audiovisuais e narrativos que enriquecen a posta en escena e sitúan a lingua como eixo central da creación
Como dixemos, o espectáculo forma parte do Outono das Artes, o programa de Cultura da Deputación da Coruña que cada ano leva música, teatro, danza, narración oral e propostas multidisciplinares a concellos de toda a provincia. A iniciativa busca democratizar o acceso á cultura, reforzar a programación dos municipios e apoiar a creación artística galega, especialmente aquela que pon en valor a identidade, a lingua e o patrimonio cultural



