
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou hoxe no acto de presentación do candidato do BNG á Alcaldía de Ribeira, Luís Pérez, de cara ás eleccións municipais de 2027, cita coas urnas na que augurou que “Pérez volverá ser o alcalde do concello con máis forza que nunca”.
Pontón afirmou que “o camiño de avance que o concello iniciou da man do Bloque co ex-rexedor en 2023 retomarase con máis forza que nunca o próximo 23 de maio”, deixando atrás “a parálise e o desgoberno que agora soporta o Concello”, un “tempo perdido”, dixo, “que se recuperará cando o 23M a veciñanza teña a oportunidade de expresarse nas urnas”.
“Cando ese día chegue, teño a certeza de que hai unha ampla maioría que vai ir a votar con ilusión polo BNG para deixar moi claro que quere outra forma de facer política, desde a honestidade, desde a decencia e desde o compromiso co ben común e, por iso, estou absolutamente convencida de que Luís vai volver á Alcaldía con máis forza que nunca”, proclamou.
A líder nacionalista indicou que “xa son moitos e moitas as que botan de menos a etapa do BNG á fronte do Concello, que botan de menos esa maneira de gobernar que pon as persoas no centro, que mellora a vida da xente e que transforma en positivo un Concello que merece algo máis que o desgoberno que ten neste momento”.
E engadiu: “No BNG temos moi claro que gobernar non é ocupar o despacho da Alcaldía, é camiñar coa xente, defender o interese colectivo fronte aos intereses partidistas, defender o que é de todos e non o que lle convén a uns poucos, gobernar é defender servizos públicos de calidade e poñer primeiro á xente deste concello”.
Pontón dixo que o goberno de Luís Pérez Barral demostrou “capacidade para xestionar con eficacia cada euro e desde a democracia, a transparencia, o rigor e a honestidade”. E apuntou: “Demostramos que outra Ribeira era posíbel e que hai outra maneira de gobernar na que todos os veciños e veciñas son iguais e Luís demostrou que el era un alcalde diferente”.
Neste sentido, recordou como “o agora candidato tomou as rendas dun Concello que precisaba coraxe para afrontar desigualdades, para repensar espazos urbanos, para apostar polo mar como principal sector económico e polo medio ambiente, a cultura e a lingua, introducindo unha forma de gobernar aberta”.

“O BNG, con Luís Pérez, gobernou a favor da maioría, sen mirar que votaba a xente, porque foi o alcalde de toda a cidadanía de Ribeira, logrando en pouco tempo un concello con dinamismo económico, social e cultural”, dixo, para recalcar a continuación que “ao ex-rexedor lle presentaran unha moción de censura por gobernar ben, por facer ben as cousas”.
Pero esa pegada, advertiu, “non a van poder borrar porque a xente ten memoria e cando probas o bo, non queres volver para atrás”, polo que concluíu reafirmando o seu convencemento en que “Luís volverá á Alcaldía con máis forza que nunca”.
Pola súa parte, o candidato á alcaldía amosouse convencido de que “xuntos podemos crear a mellor Ribeira da nosa historia” nun momento no que a veciñanza “merece máis” que a “xestión neglixente” do PP, sinalou, engadindo que “non é que o digan a maioría de veciños, tamén o demostran os feitos, como os 13 millóns de euros en débeda que os populares deixaron en sobrecustos millonarios” ou “o caso da gasolineira de Xarás, que nos pode acabar valendo ao Concello 4 millóns de euros por conceder dúas licenzas ilegais”. Pérez Barral falou de “honestidade para gobernar coas mans limpas” e anunciou, neste punto, as catro liñas de goberno a partir de maio de 2027, a comezar pola defensa férrea dos servizos públicos e das persoas”.
“Para min”, dixo, “gobernar non consiste só en aprobar orzamentos ou facer grandes obras. Un alcalde, antes que nada, debe defender os seus veciños e veciñas”, asegurou.
O segundo piar son as parroquias porque, tal e como manifestou, “quen me coñece, sabe que fun un alcalde próximo, de escoitar, de tender a man e de resolver os problemas na medida das nosas posibilidades”.
En terceiro lugar, Pérez Barral quere unha Ribeira máis verde e pensada para as persoas. “Queremos unha cidade que respire con máis e mellores zonas verdes e que convide a pasear e vivir sen medo dos vehículos”, asegurou, asegurando que xa teñen traballo feito que “demostra cara a onde quere ir o BNG, como a peonalización das rúas Otero Pedrayo, Mendiño ou a remodelización da praza do Centenario”.
Por último, “o máis importante de todo”, destacou o “poder das persoas” para demostrar que Ribeira “non está condenada a ser, ata o final dos seus días, do Partido Popular”. “Durante anos tentaron convencernos de que nada podía cambiar”, pero, contrapuxo, “desde o Bloque demostramos todo o que se pode facer en Ribeira se cremos nas nosas propias forzas”.
“Demostrámolo cando hai aire fresco nas institucións, gobernantes con ideas claras e, sobre todo, honestidade de xestionar os recursos públicos para beneficio de toda a xente de Ribeira”, salientou, para rematar agradecendo a axuda do “equipazo de persoas que me acompañan”.



