Memoria Histórica da Coruña fai entrega do seu arquivo audiovisual á Deputación

16 Outubro 2026

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) vén de formalizar a cesión do seu fondo audiovisual á Deputación da Coruña, que o incorporará aos seus fondos documentais co obxectivo de garantir a súa conservación, catalogación, dixitalización e difusión pública.

A cesión permitirá preservar un material de enorme valor histórico, composto por 168 cintas de vídeo e 6 DVD con entrevistas a máis dun cento de testemuñas directas do golpe de Estado de 1936 e da posterior represión franquista.

A entrega dos soportes físicos tivo lugar na Biblioteca Provincial, nun acto no que participaron a deputada de Dereitos Civís, Sol Agra; o presidente da CRMH, Carlos Babío Urkidi; e a responsábel da Biblioteca Provincial, Carmen Ferreiro. Por parte da asociación tamén asistiron Beatriz Gómez Amigo, Rubem Centeno Paradela e Beatriz Parga Massa.

A deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, destacou a importancia de preservar e difundir este legado documental nun momento no que resulta “fundamental combater o descoñecemento da historia e facer fronte aos discursos de odio e á banalización do fascismo”. E engadiu: “Preservar a memoria é tamén unha forma de defender a democracia no presente. Non podemos permitir que o descoñecemento da nosa historia abra a porta a discursos de odio que cuestionan os dereitos e as liberdades conquistadas”.

O fondo audiovisual está integrado principalmente por entrevistas realizadas por Beatriz Gómez Amigo, integrante da directiva da CRMH, a mulleres e homes que viviron directamente o golpe militar e civil de 1936 na Coruña e a posterior represión franquista.

Segundo salientaron as dúas institucións, “trátase dun material de especial relevancia histórica e documental, xa que a maioría das persoas entrevistadas xa faleceron”. Entre as poucas testemuñas que permanecen vivas atópase unha muller que ten actualmente 102 anos.

E engadiron: “A desaparición progresiva das persoas que viviron aqueles acontecementos fai especialmente urxente a preservación destes rexistros, que permiten recuperar experiencias persoais e voces necesarias para comprender a represión e as súas consecuencias”.

A Deputación considera “a conservación e difusión deste fondo unha actuación de interese público, tanto polo seu valor para a investigación histórica como pola súa contribución á educación democrática e á loita contra o esquecemento”.

Dixitalización e consulta pública na Biblioteca Provincial

A Biblioteca Provincial será a encargada de custodiar os soportes físicos e catalogalos segundo os estándares bibliotecarios. Posteriormente, o experto Xosé Antón Bocixa Rei realizará os traballos de dixitalización para garantir a preservación dos contidos e facilitar o seu acceso. Unha vez concluído o proceso, os ficheiros dixitais quedarán dispoñibles para a súa reprodución a través da plataforma da Biblioteca Provincial. A consulta será pública.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

Desde Amnistía Internacional e algúns medios de comunicación están a denunciarse varios casos de agresións, vexacións e torturas, por parte dun grupo de militares españois, cara a algúns migrantes africanos chegados á cidade autónoma de Ceuta, algúns deles menores de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.