Amicos presenta o proxecto Cabalga II na 2ª xornada de Mares da Fin do Mundo (Rianxo)

16 Outubro 2026

A segunda xornada da IX Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, celebrada este xoves 15 de outubro, comezou ás 11:00 h deste xoves coa celebración na Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo de Mares Diversos, unha sesión especial na que a Asociación Amicos presentou a iniciativa Cabalga II, centrada na recuperación de ecosistemas mariños vulnerábeis, como os bosques de laminarias, poñendo en diálogo a ciencia co sector pesqueiro e a sociedade. Durante a presentación do proxecto proxectouse o filme Coidado dos mares, creado por membros da asociación inclusiva do Barbanza para dar visibilidade ao traballo dos seus usuarios no coidado do mar. A sesión foi presentada por Gabriel Rodríguez (técnico de Amicos) e Adriana Miguens (usuaria de Amicos).

A continuación celebrouse o Roteiro de Marisqueo a pé, roteiro divulgativo co obxecto de dar a coñecer e poñer en valor o labor das mariscadoras e mariscadores. Da man da Agrupación de Mariscadoras a Pé da Confraría Virxe do Carme de Rianxo, as e os asistentes ao certame trasladáronse a unha das zonas extractivas do municipio para asistir en directo a unha demostración do traballo extractivo. A actividade rematou na Lonxa de Rianxo, onde se puido observar o proceso de clasificación e pesado posterior.

Xa pola tarde, deu inicio a proxección dos primeiros filmes participantes na Competición Oficial, na que este ano concorren un total de dezaseis títulos de diversas nacionalidades diferentes e falados en múltiples linguas (con subtítulos en galego). Nesta xornada, o público puido ver un total de seis obras, divididas en dous bloques. No primeiro bloque da Competición Oficial proxectáronse catro documentais, comezando con Redeiras, de Acacia Ojea e Arancha Brandón (España, Galicia, 2026), na que as redeiras e A Guarda convídannos a escoitar, a sentir e a reflexionar sobre a memoria, os coidados, o traballo e o tempo, construíndo un retrato íntimo e poético dun oficio que segue vivindo nas mans das mulleres que resisten.

De seguido proxectouse Chasing whales, de La Fille Renne (Francia, 2025), unha obra que investiga nas illas Feroe e nas Hébridas as relacións, pasadas e presentes, entre os seres humanos e os mamíferos mariños. O terceiro filme foi The Sea is the Walls of My Home, de Floortje Zonneveld (Noruega, 2026), que nos achega á realidade de Jann, unha das últimas persoas que aínda se dedican ao coidado dos patos éidar na remota illa ártica de Sandoy. Pechou este bloque o filme La luz que nos guía, de Cristina Rodríguez Paz (España, 2025), un filme no que as últimas fareiras renden homenaxe a unha forma de vida que se extingue, reflexionando sobre un traballo que definiu as súas vidas.

Nesta primeira sesión de Competición Oficial contouse coa presenza de Arancha Brandón, quen presentou o seu filme e participou nun coloquio co público presente.

O segundo bloque comezou coa proxección de Piercing Water, de Fan Wu (Taiwán, 2026), documental que nos traslada ata unha pequena illa volcánica do Pacífico onde o pobo Yami vive ligado ao mar, narrando a vida de dous irmáns que enfrontan as súas propias mareas interiores. Deseguido e para rematar a xornada, este bloque rematou coa proxección de Les Conpains d ́abord, de Thomas Laliberté e Marilou Muller (Canadá, 2025), un filme que nos traslada ao corazón do golfo de San Lourenzo, as illas Magdalena e o seu cru inverno, onde un grupo de amigos comparte o seu día a día ofrecendo unha ollada a unha forma de vida insular única, un retrato dunha comunidade que afronta directamente as transformacións do seu contorno.

A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña e o Concello de Rianxo. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.