
O Concello de Ribeira lanzou unha nova edición do obradoiro de traxe tradicional galego Cóntoche un traxe dirixido a centros educativos e outros colectivos que se imparte no Museo Municipal da man da artista Montse Rivera.
Trátase dunha acción que nace co obxectivo de divulgar coñecementos sobre o vestiario dos nosos antepasados e facelo cunha serie de sesións, en horario de mañá, que se estenderán de outubro a decembro, tal e como indicaron a concelleira de Cultura, Ana Barreiro, e o director de dito museo, Miguel A. Vidal.
“Queremos achegar a historia do traxe tradicional galego, un dos nosos sinais de identidade, aos diferentes colectivos de Ribeira. Por iso nace esta iniciativa que, na compaña dunha artista da envergadura de Montse Rivera, nos convida a facer unha viaxe no tempo para ver como se vestía no pasado, cos traxes de acotío e de gala”, en palabras da edil.
No caso dos centros de ensinanza, está orientado a rapazada de 6 a 14 anos para explicar as pezas dunha maneira sinxela, orixinal e dinámica. A narración vai acompañada de cantigas referidas ás vestimentas, poemas de grandes da literatura galega, proxección de imaxes e materiais cos que se fabricaban as teas. Tamén se manipularán distintos elementos que conforman os traxes coa opción, incluso, de vestirse cos mesmos. A dinámica é similar para os outros colectivos con persoas de maior idade.
O grupo que inaugurará este curso será o CEIPP de Palmeira, no xoves, 22 de outubro. O prazo de inscrición permanece aberto ata o 30 de novembro a través da conta museo@ribeira.gal, aportando os seguintes datos: nome do colectivo, persoa de contacto e teléfono; número de participantes; e data e hora da visita (agardando confirmación dende o museo segundo a orde de petición).



