A xornada deste xoves 15, Santa Tereixa, comezará con bancos de néboa e brétemas costeiras que darán paso a ceos despexados, con ventos do norte-noroeste e un lixeiro descenso nas temperaturas máximas.
A influencia das altas presións continuará marcando a estabilidade meteorolóxica este xoves tanto na comarca de Santiago como no litoral das Rías Baixas. A xornada espertará cun ambiente outonal caracterizado pola presenza de brétemas costeiras ao longo da liña litoral e de néboas matinais no interior da comarca compostelá, se ben tenderán a disiparse co avance da mañá para dar paso a ceos amplamente despexados e con predominio do sol.
No eido térmico, os valores mínimos apenas rexistrarán variacións significativas con respecto aos días previos. Pola contra, os termómetros marcarán un lixeiro descenso das temperaturas máximas ao longo da tarde, un comportamento xeral que afectará á fachada oeste e á contorna santiaguesa.(máximas de 22 a 24 graos).
O réxime de ventos presentarase frouxo durante toda a xornada, entrando con compoñente norte-noroeste nas Rías Baixas, o que contribuirá a manter un ambiente tépedo e apracible durante as horas centrais do día unha vez desfeitas as nubes baixas do amencer.

O noso mar: Vento do norte á mañá, do noroeste á tarde e do norte á noite, forza 1 a 3 á mañá, 2 a 3 á tarde e 2 a 4 á noite. Mar ovellado á mañá e á tarde e marusía á noite. Visibilidade regular á mañá e boa á tarde e á noite. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 2 a 2.5 metros.


