A iniciativa «Ornamenta Ecclesiae», que conta co apoio da Xunta de Galicia, estuda pezas clave datadas entre os séculos VII e XVI e culminará nunha monografía científica e nunha mostra dixital.

A Fundación Catedral de Santiago, a través do seu museo dirixido por Ramón Yzquierdo Peiró, e un equipo de investigación da Universidade Rey Juan Carlos, liderado polo Dr. Ángel Pazos-López, veñen de poñer en marcha o proxecto Ornamenta Ecclesiae. Esta iniciativa, financiada pola Xunta de Galicia, constitúe un ambicioso programa integral enfocado na investigación, documentación e posta en valor do patrimonio ritual medieval que custodia a basílica compostelá.
O proxecto céntrase en profundar no coñecemento e na funcionalidade litúrxica dunha selecta colección de vestiduras, libros e instrumentos rituais datados entre os séculos VII e XVI. Ademais de afondar no estudo destas pezas históricas, a proposta serve para estreitar lazos de cooperación científica entre a Catedral compostelá e diversas entidades culturais e académicas.
Como primeiro paso visible do proxecto, entre o 1 e o 4 de outubro desenvolvéronse na capital galega unhas xornadas de traballo intensivo. Nelas participou un equipo interdisciplinar composto por expertos e investigadores procedentes de distintos museos e universidades de ámbito estatal, os cales tiveron acceso directo aos espazos do templo, ao arquivo e ao museo para examinar in situ os bens litúrxicos e poñer en común os seus achados máis recentes.
Segundo salientou a dirección científica, a iniciativa resulta estratéxica para consolidar a Catedral de Santiago como un centro activo de investigación, interpretación e divulgación do seu legado histórico. Os resultados destes traballos materializaranse nunha monografía científica que recollerá unha análise exhaustiva dende as perspectivas histórico-artística, litúrxica, antropolóxica e cultural.
De maneira complementaria, co obxectivo de facer partícipe a toda a sociedade destes descubrimentos, deseñarase unha exposición dixital dirixida ao gran público. Con este formato interactivo facilítase un acceso amplo, innovador e universal a este valioso tesouro cultural, en consonancia coas liñas estratéxicas promovidas polas institucións impulsoras.



