
O exalcalde e portavoz do BNG en Ribeira, Luís Pérez Barral, denunciou este martes 13 de outubro a xestión do Goberno local fronte a proxectos tan relevantes como a residencia de maiores ou a gasolineira de Xarás. Segundo comentou trátase de dous exemplos de “xestión nefasta” do Executivo malia as promesas de desbloqueo. No balance efectuado polos nacionalistas arredor do ano de goberno do actual bipartito PP + PBBI logo da moción de censura de outubro de 2025 sinálase que “estamos ante doce meses perdidos para as veciñas e veciños de Ribeira”.
O voceiro do BNG critica tamén que aínda hoxe, logo dun ano dende a moción que apartou a Luís Pérez Barral da Alcaldía e situou a María Sampedro, do Partido Popular, á fronte do Concello, “non se desvelou o acordo da moción de censura, xa que só serviu para satisfacer os intereses particulares e partidistas do PP e PBBI”. E engade: “Prometeron que a moción de censura serviría para desbloquear proxectos, mellorar a xestión e facer avanzar Ribeira pero, un ano despois, o que vemos é falta de iniciativa, xestión nefasta e decisións que se toman de costas á veciñanza. A pregunta é sinxela: que mellorou realmente na vida dos veciños e das veciñas durante este tempo?”.
Para o BNG, “a residencia pública de maiores é o exemplo máis claro desta falta de avances”, xa que “despois de máis de 800.000 euros de investimento público nas Saíñas, ninguén entende que o goberno de María Sampedro pretende abandonar ese proxecto e trasladalo ao monte de San Roque, illando ás persoas maiores e provocando un atraso na materialización desta infraestrutura clave”.
“As persoas maiores merecen coidados, unha contorna accesible e ben conectada, non quedar afastadas da vida da vila e das súas familias no monte por iso non imos consentir que se tiren 800.000€ ao lixo sen esgotar as posibilidades de sacar adiante o proxecto das Saíñas”, afirma Luís Pérez Barral.
O portavoz do BNG considera igualmente “preocupante” a xestión do asunto da gasolineira de Xarás, que, segundo di, “pode ter consecuencias económicas moi importantes para as arcas municipais, xa que estamos falando dun problema xerado polo PP ao agochar informes negativos e conceder dúas licenzas ilegais polas que o Concello podería perder até 4 millóns de euros”. Pérez Barral engade que “a xestión realizada polos populares pon en risco a estabilidade económica do Concello de Ribeira xa que a día de hoxe mantense unha débeda creada polo Partido Popular de 13 millóns de euros que proveñen na súa meirande parte de obras con sobrecustos, o que nos tememos, provoque, unha suba de impostos e taxas que pagará a veciñanza”.
Dende o BNG din que “a acción de goberno de Luís Pérez Barral permitiu investir 5,5 millóns de euros nas parroquias para ampliar saneamento, abastecemento e pavimentacións, deixando ademais outros 1,5 millóns listos para novas actuacións este ano; en total, máis de 7 millóns de euros destinados a reforzar servizos e infraestruturas no rural de Ribeira”. Tamén sinalan que “a xestión do PP fixo que Ribeira teña unha débeda de 13 millóns de euros mentres que o BNG deixa 6,5 millóns para proxectos de futuro, iso é exemplo de xestión responsable e eficaz”.
Fronte a esta situación, Luís Pérez Barral asegura que “o BNG continuará exercendo unha oposición firme, construtiva e responsábel, fiscalizando a acción do goberno e presentando alternativas para mellorar a vida da veciñanza”.
Luís Pérez Barral conclúe “cunha mensaxe de ilusión e confianza no futuro”, destacando que “malia a moción de censura, o BNG afronta esta nova etapa con máis forza e apoio social”.
“Perder a alcaldía non nos fixo perder as ganas de traballar por Ribeira, ao contrario, seguimos percorrendo as parroquias, estamos ao lado da veciñanza e temos un proxecto para unha Ribeira mellor”, comenta.
O exalcalde salienta que “durante este último ano o BNG experimentou un forte incremento da súa militancia, coa incorporación de novas persoas que queren sumar ao proxecto e contribuír a construír unha Ribeira mellor”. E engadiu: “Estamos recibindo moitas mostras de apoio, palabras de ánimo e valoracións moi positivas que nos dan forza, cariño e ilusión para seguir adiante e afrontar con ganas o reto de gañar as eleccións municipais de 2027″.



