
O PSdeG-PSOE da provincia da Coruña e Rianxo en Común alcanzaron un acordo político de cara a articular unha candidatura unitaria de cara ás vindeiras elección municipais.
Bustelo encabezará a candidatura baixo as siglas do PSdeG-PSOE, que integrará a persoas que na actualidade forman parte tanto de Rianxo en Común como do PSOE.
O acordo, explicaron, permitiu “reunir nun único proxecto político dous grupos que suman actualmente 10 concelleiros (cinco cada un deles) na Corporación municipal”. O obxectivo, sinalaron, “é sumar equipos, experiencia e capacidade de xestión para construír unha candidatura progresista máis ampla e reforzada, capaz de afrontar con maior fortaleza os retos de Rianxo nos próximos anos”.
O secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, Bernardo Fernández, e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, valoraron positivamente “un acordo que permite sumar persoas, experiencia e capacidade de traballo arredor dun gran proxecto progresista para Rianxo” e agradeceron a “altura de miras” das bases de ambas formacións políticas para “sumar forzas, poñer por diante os intereses da veciñanza de Rianxo e mellorar a interlocución con outras administracións para impulsar servizos públicos, actividade económica e investimentos nas distintas parroquias”.
Neste sentido, ámbolos dous destacan algúns dos proxectos nos que veñen traballando conxuntamento o Concello de Rianxo, onde goberno Rianxo en Común, e a Deputación Coruña, onde goberna o PSdeG-PSOE, como é o caso da futura residencia de maiores do município ou o centro de día.
O acordo parte tamén da vontade de ampliar a base social do proxecto socialista en Rianxo, incorporar novas persoas e sensibilidades e construír unha candidatura na que conflúan continuidade, renovación e experiencia municipal.
Ámbalas dúas partes destacaron “a importancia deste acordo nun momento no que a crispación e a confrontación son os protagonistas da vida política”.
O actual rexedor sinalou que “a nível local non fomos alleos á tensión que na actualidade se vive en moitas outras corporacións ou parlamentos, porén, fomos quen de dar un paso valente e poñer por diante de calquera outra cousa os intereses do conxunto da veciñanza de Rianxo”.
Óscar Rial continuará vinculado ao proxecto socialista
A dirección provincial quere recoñecer o traballo desenvolvido por Rial, polo Grupo Municipal e pola Agrupación Socialista de Rianxo, así como a súa contribución a este acordo desde a responsabilidade, a exemplaridade e a lealdade ao proxecto socialista de Rianxo.
Rial continuará como secretario xeral da Agrupación e vinculado ao Partido Socialista, aínda que deixará a portavocía municipal.
Os detalles do acordo serán presentados publicamente nos próximos días nunha rolda de prensa en Rianxo.
O PSdeG afronta así unha nova etapa en Rianxo coa intención de construír unha candidatura forte e ampla centrada nas necesidades da veciñanza e no futuro do municipio.



