
O actual alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal Suárez, encabezará a candidatura do PSdeG-PSOE nas eleccións municipais de 2027. A portavoz socialista e integrante do goberno municipal, Patricia Lojo Nine, acompañarao tamén na lista, que concorrerá baixo as siglas do Partido Socialista.
O obxectivo é “sumar esforzos e construír un proxecto político máis amplo, forte e ambicioso para A Pobra”, impulsando “un proxecto capaz de reunir persoas e sensibilidades diferentes arredor dunha prioridade común: mellorar a calidade de vida da veciñanza e dar resposta aos retos presentes e futuros do municipio”, sinalaron fontes dos socialistas galegos, engadindo que “a experiencia de traballo compartido no goberno local será o punto de partida desta nova etapa. José Carlos Vidal e Patricia Lojo apostan por ampliar esa colaboración e construír unha candidatura reforzada, próxima á cidadanía e con capacidade para impulsar proxectos de futuro para A Pobra”.
A mellora dos servizos públicos e das infraestuturas locais, o apoio á economía local e a creación de oportunidades serán algúns dos eixes dun proxecto que quere sumar novas persoas e propostas para seguir avanzando no desenvolvemento do municipio.
José Carlos Vidal conta cunha ampla traxectoria profesional e de servizo público. É licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, na especialidade de Arqueoloxía, e desenvolveu tamén unha etapa profesional no ámbito militar, chegando a exercer como tenente de Infantaría de Mariña.
Posteriormente traballou durante décadas como bibliotecario municipal da Pobra, unha responsabilidade que lle permitiu coñecer de primeira man o municipio, a súa historia, o seu tecido asociativo e a realidade social da veciñanza. Desde xullo de 2023 exerce como alcalde, sumando a esa experiencia o traballo directo de xestión municipal e a coordinación dun goberno plural.
Vidal quixo trasladar tamén o seu agradecemento a Nós Pobra, formación coa que desenvolveu a súa traxectoria política municipal e coa que chegou á Alcaldía, así como ás persoas que compartiron con el traballo e responsabilidades durante estes anos. O alcalde recoñeceu “a importancia desta etapa e o labor realizado polo espazo político ao servizo da Pobra”.
A incorporación á candidatura socialista abre agora unha nova etapa coa vontade de ampliar ese traballo, construír un proxecto progresista con máis forza e capacidade para responder ás necesidades da cidadanía.
Pola súa banda, Patricia Lojo dará continuidade ao compromiso do socialismo pobrense co municipio e ao traballo que vén desenvolvendo desde o goberno local.
O PSdeG-PSOE afronta así as municipais de 2027 coa vontade de presentar un proxecto político reforzado e preparado para afrontar os retos de futuro da vila.



