O Trail de Lousame será o 27 de decembro e incorporará o Campionato Xunta Galicia de Trailrunning Maratón

09 Outubro 2026

O Concello de Lousame abriu as inscricións nun multievento deportivo programado para o próximo mes de decembro no municipio e que inclúe Pequetrail, Andaina e Trail de Lousame 2026, que este ano incorpora unha nova competición: o Campionato Xunta de Galicia de Trailrunning Maratón, cunha distancia de 42 km e un desnivel positivo de 2.075 metros. Trátase de tres iniciativas previstas para o sábado 12 e os domingos 13 e 27 de decembro, respectivamente. As persoas que desexen participar poden anotarse en carreirasgalegas.com, cun máximo de 300 participantes por proba (Trail Longo, Trail Curto e Maratón).

O multievento foi presentado polo alcalde do Concello de Lousame, Esteban Ares García, quen estivo acompañado por Julio Torreira López, xefe do Servizo Provincial de Deportes en A Coruña da Xunta de Galicia; Iván Sangiao, vicepresidente da Federación Galega de Atletismo; as concelleiras de Deportes e Cultura, Mariel Agrafojo Nieto e Silvia Agrafojo Filgueira; a campioa de España de Trail Running Maratón, María Martínez; e o técnico de Deportes, Germán Romero.

Esteban Ares puxo o énfase no novo Campionato Xunta de Galicia de Trailrunning Maratón, “un dos eventos deportivos máis importante do ano e probabelmente da historia do concello de Lousame”. “Supón un esforzo enorme, non só económico senón tamén de recursos humanos. Pero podemos facelo grazas ao traballo de todos os departamentos municipais e o apoio de Protección Civil, a nosa Rede de Voluntariado e os patrocinadores locais”, asegurou o alcalde, quen está convencido de que “ese domingo Lousame vai ser o epicentro do deporte a nivel autonómico”.

Promoción turística e económica

Ademais, o rexedor destacou que esta aposta polo deporte ten un dobre obxectivo: por unha parte serve para promover valores como o esforzo, o compañeirismo ou a confianza nun mesmo, e por outro tamén ten unha repercusión económica, “xa que o Trail é un evento que move centos de persoas e cuxa presenza repercutirá non só na hostalería local e da comarca, senón que moitos deles volverán visitar Lousame en máis ocasións para desfrutar da nos riqueza natural e paisaxística”.

Un punto no que coincidiu Julio Torreiro para quen este campionato “supón apostar polo territorio e por promover os recursos locais”, polo que aplaudiu a decisión do Concello de Lousame de “facer crecer este evento deportivo e incorporar esta nova distancia que é o maratón. Unha gran proba que pon en valor a capacidade de Galicia de organizar eventos desta magnitude”. Torreiro destacou que “en Lousame conflúen deporte, patrimonio e natureza e representa o que Galicia quere ofrecer: deporte como exemplo de hábitos saudábel e a posibilidade de dar a coñecer o noso territorio e noso patrimonio”.

Iván Sangiao destacou que “o percorrido xa está limpo e preparado para que quen queira poida ir adestrar. Así todos poderán coñecer o circuíto con antelación suficiente”. Ademais, salientou que dende a Federación Galega de Atletismo “estamos orgullosos co esforzo que se está facendo con este multievento”, facendo fincapé en que se traballa tanto co deporte de base como o de elite.

Finalmente, María Martínez, madriña da proba, adianta que “os participantes van desfrutar moito co percorrido, que pasa por lugares moi fermosos e iso sempre é un plus”. Un coñecemento que ten porque “vivín un tempo pola zona e cando me presentaron o percorrido deime conta de que é unha opción moi especial”.

Maratón

Germán Romero foi o encargado de explicar os aspectos técnicos de todas as probas. Sobre a gran novidade deste ano, o Campionato Xunta de Galicia de Trailrunning Maratón, explicou que vai ter un percorrido de case 44 km, cun desnivel positivo de 2.075 metros. Todas as probas, incluídas as dos máis pequenos, terán un mesmo inicio, con saída e meta no polideportivo municipal de Lousame. Os primeiros en saír o domingo 27 de decembro serán os participantes na maratón, que partirán ás 8:00 horas.

Uns participantes que “teñen que ter unha condición física moi alta, porque ademais dos 25 km do Trail Longo van facer unha subida ao Monte Culou, en San Xusto, cunhas vistas espectaculares pero tamén cun último quilómetro de subida cunha pendente do 35%, ademais de baixadas espectaculares e tramos seguindo o Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia”. Ademais, adiantou que o percorrido pasará polas dúas fervenzas de Toxosoutos, “cunha zona de baixada con cordas e un percorrido ata a fábrica de papel de Fontán, dende onde seguirán ata O Castro e de aló subirán ao monte da Muralla”.

Trail Longo e Trail Curto

Ese domingo 27 de decembro terán lugar tamén as dúas distancias tradiconais do Trail de Lousame: o Trail Longo (15€) e o Trail Curto (10€), con 300 prazas cada unha. O Trail Longo terá unha lonxitude de 25 km, cun nivel de dificultade medio alto e cun desnivel acumulado aproximado de 1.150 metros de desnivel positivo e de 1.140 metros de desnivel negativo. A saída será ás 10:00 horas e contarán con tres avituallamentos. Pola súa banda, o Trail Curto contará cunha distancia de 14 km, cun nivel de dificultade medio-baixo e cun desnivel acumulado aproximado de 540 metros de desnivel positivo e de 540 metros de desnivel negativo. A saída será ás 11:00 horas e contará con dous avituallamentos. As persoas participantes deberán obrigatoriamente levar manta térmica, chifre, teléfono con batería suficiente, sistema de hidratación (mínimo 1 litro) e cortaventos.

O Concello de Lousame entregará premios aos tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina, así como premios especiais ao primeiro atleta masculino e feminino empadroado en Lousame e aos tres primeiros clasificados das categorías máster masculina e feminina (45 ou máis anos). A entrega de premios terá lugar no Polideportivo Municipal Pilar Barreiro Senra.

Pequetrail e Andaina do Belén de Cumes

No que respecta aos outros dous eventos deportivos, o Pequetrail de Lousame celebrarase o sábado 12 de decembro, a partir das 16:00 horas, na contorna do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. A proba desenvolverase sobre unhas distancias e cun percorrido adaptado ás idades dos nenos e nenas participantes (de sub-8 a sub-14). O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes, así como agasallos sorpresa ao rematar cada unha das probas. Inscricións totalmente gratuítas en carreirasgalegas.com.

A Andaina-Belén de Cumes está programada para o domingo 13 de decembro, con saída ás 10:00 horas do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. Ao igual co ano pasado, as persoas participantes farán o mesmo percorrido co Trail Curto: 14 km cun nivel de dificultade medio-baixo e cun desnivel acumulado de 540 metros positivo e outros 540 metros negativo. Inscricións en carreirasgalegas.com por un prezo de 6 euros.

Outros artigos

Sábado de tempo seco e suave, con predominio do sol e néboas matinais

Galicia manterá este sábado unha xornada marcada pola influencia anticiclónica, o que garantirá un ambiente xeralmente estable e seco en toda a comunidade. O día comezará coa habitual presenza de bancos de néboa matinais no interior, que irán disipándose a medida que...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Adiviña Número Dous” – Tonio Nóvoa

“Adiviña Número Dous” – Tonio Nóvoa

Adiviña nº 2, escultura de May Lucas ADIVIÑA NÚMERO DOUS . . adiviña adiviña, . o que será que vén sendo é? . . é unha sobrante . desbotada entre a compra dun billete barato . e a publicación dunha historia . que caduca . á hora da seguinte historia. . . é un rañolas...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.