
O PSOE de Ribeira lamentou a actitude da alcaldesa durante o Pleno extraordinario sobre a residencia de maiores, acusándoa de interromper de xeito constante á oposición nunha sesión que tivo que ser convocada de oficio polo secretario municipal tras esgotarse os prazos legais.
O portavoz socialista, Fran Suárez-Puerta, denunciou que o goberno local xustifique o cambio de localización no risco de inundacións trala DANA de 2024, cando Augas de Galicia xa informara desa afección en 2022 e a Xunta continuou tramitando licenzas e investindo fondos ata 2025.
Desde a formación cifran en preto dun millón de euros o gasto público xa comprometido na parcela orixinal —aos que se sumarían máis de 200.000 euros do ICIO que o Concello podería ter que devolver— e advirten de que reiniciar o proxecto no monte atrasará o inicio das obras ata polo menos 2029.



