
A XI Xornada de Onomástica Galega abordará este sábado o impacto que a acción humana sobre o territorio ten sobre os nomes de lugar. A cita anual do Seminario de Onomástica Galega da Real Academia Galega arrincará ás 10:00 horas no salón de actos do Museo de Pontevedra e contará con seis voces convidadas que afondarán na relación entre a ecoloxía e a onomástica desde diferentes olladas que van da actividade industrial á política-administrativa. A entrada é libre. Todas as sesións, de mañá e tarde, poderán seguirse ademais en directo en academia.gal e na canle de Youtube da RAG.
A cita, de entrada libre, renderalle homenaxe a Fernando Cabeza Quiles, colaborador do Seminario de Onomástica Galega que finou o pasado mes de maio e que foi, a través e múltiples frontes de traballo, un dos principais valedores da recuperación da riqueza toponímica galega.
Como lembraremos, o filólogo e escritor bergantiñán Fernando Cabeza Quiles mantivo un forte vencello cultural e de investigación coa comarca do Barbanza, centrado principalmente no concello de Ribeira. Foi o autor do libro Toponimia de Ribeira, publicado entre as fins de 2022 e comezos de 2023 dentro da colección Terra Nomeada da Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica. Neste traballo, Cabeza Quiles profundou na orixe e significado de máis de 200 nomes de lugares e accidentes xeográficos do municipio. O seu interese polo Barbanza remontábase a décadas atrás; xa en 1984 publicou o artigo A toponimia de Santa Uxía na revista cultural O Imo, editada pola Asociación Cultural Vionta en Ribeira. Tralo seu inesperado pasamento en maio de 2026, a Asociación Barbantia organizou un emotivo acto de homenaxe á súa figura e traxectoria en xuño dese mesmo ano no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira.

Volvendo á xornada da RAG deste sábado, as coordinadoras do encontro, a académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez, inaugurarano ás 10:00 horas xunto ao vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve Jar, en representación das institucións que prestan o seu apoio á celebración das Xornadas de Onomástica Galega desde os seus comezos.
O programa contará na quenda de relatorios coa participación da académica Marilar Aleixandre, cunha intervención titulada Os nomes arrepóñense; o catedrático de Xeografía da USC Valerià Paül Carril, que pronunciará o relatorio As comarcas na Galiza autonómica: entre a agonía e a resistencia; o biólogo Miguel Á. Conde Teira, con Unha viaxe toponímica no tempo en Posmarcos: de 1396 a 2013; a profesora Andrea Santiso, que exporá unha intervención didáctica desenvolvida no IES Val do Asma (Chantada); e o arqueólogo, toponimista e profesional do audiovisual Lukas Santiago, que falará sobre a recuperación da toponimia de Lourizán. O público poderá así mesmo ver o seu documental Paraíso roubado, que lle porá o ramo á xornada, e que será presentado polo propio creador e polo presidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa.
Como dixemos, renderáselle ademais homenaxe a Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada, 1953-Carballo, 2026) cunha lembranza a cargo do académico correspondente Xosé María Lema Suárez. O colaborador do Seminario de Onomástica Galega e membro do equipo directivo da Asociación Galega de Onomástica tiña previsto participar neste foro cunha charla sobre o impacto neste patrimonio inmaterial das areeiras da ría de Arousa.
Unha dobre perspectiva da relación entre a onomástica e a ecoloxía
“Cando poñemos en relación ecoloxía e onomástica, facémolo desde unha perspectiva dupla: a perda da toponimia, entendida como un ecosistema en perigo, e as consecuencias que sofren os nomes de lugar pola transformación do territorio derivada da interacción do ser humano. En realidade, é esa mesma interacción a que produce a toponimia, mais nestes tempos a aceleración da destrución do medio natural implica tamén a destrución dos propios nomes de lugar”, expón Ana Boullón.
Os microtopónimos (os nomes de pedras, camiños, fontes, fragas ou veigas) son neste sentido moito máis fráxiles, xa que a toponimia maior, a dos lugares habitados, está protexida polo seu status legal. “De todas as formas, os cambios na configuración da paisaxe derivados da destrución da natureza levan consigo a perda de todo tipo de nomes”, advirte a especialista, engadindo que “cómpre pensar, por exemplo, naquelas aldeas que sepultaron os encoros nos vales máis vizosos dos ríos. É o caso de Maiorga (Pantón), no encoro dos Peares (Miño), Mourulle (Taboada), Portomeñe (O Saviñao) ou Castro Candaz (Chantada), no encoro de Belesar (tamén no Miño). Algúns deles sobreviven unicamente como apelidos, último rastro dos núcleos antano habitados”.
Canteiras, minas, lagoas artificiais ou mesmo urbanizacións son outros tipo de accións humanas que “devoran os nomes dos núcleos orixinarios e impoñen nomes de rúas que nada teñen que ver co territorio orixinal”, concreta a académica.



