
O BNG de Carnota, a través do seu voceiro Primitivo Pedrosa, emitiu un comunicado crítico coa Xunta por “insistir no desmantelamento da sanidade pública no municipio”. O grupo cargou contra o Goberno galego logo de coñecer a resposta por escrito que o Executivo autonómico deu ao deputado nacionalista Oscar Insua a respecto da sanidade do concello carnotán. O BNG di que a dita resposta “confirma a eliminación do servizo sanitario de urxencias que ata abril deste ano se viña desenvolvendo os sábados pola mañá no centro de saúde da localidade”.
A formación nacionalista carnotá amosou precisamente en abril a súa preocupación pola situación, unha inquietude que veu a máis, din, cando se confirmou que a atención urxente das mañás dos sábados ía prestarse nos puntos de atención continuada (PAC) de referencia. No caso de Carnota isto tradúcese en que a veciñanza siga tendo que desprazarse a Muros, que é o PAC que lle corresponde logo da decisión adoptada co citado decreto pola Consellería de Sanidade. Os nacionalistas advertiron do “prexuízo que iso suporá para os usuarios e usuarias en canto a gastos e tempo polo desprazamento”.
“Ante a falta de información por parte do Goberno municipal, desde o BNG de Carnota actuamos para que a veciñanza saiba cal é a situación do servizo sanitario e da atención médica dos sábados pola mañá”, afirmou o candidato do BNG de Carnota á alcaldía para as vindeiras eleccións municipais, Primitivo Pedrosa, que apuntou que “non se pode entender a falta de interese e o desleixo do equipo de Goberno ante un problema tan grave como é a falta de servizos públicos no noso municipio debido ás políticas nefastas do Partido Popular”.
Pedrosa manifestou que “a Xunta énchese a boca de dicir que apoian ao rural, pero a realidade é que están desmantelando os servizos pouco a pouco; agora tocoulle á atención sanitaria dos sábados pola mañá, pero xa levamos máis de dous anos sen que as familias de Carnota teñan un especialista en pediatría para as súas crianzas; é unha vergonza”.
“A este paso o despoboamento irá a máis e imos quedar catro neste pobo, porque a xente marcha para onde hai servizos”, concluíu o dirixente do BNG carnotá.



