
A Real Academia Galega de Ciencias celebra mañá xoves, 8 de outubro, o Día da Ciencia en Galicia, que dedica á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 – Moaña, 2015), investigadora de referencia internacional no estudo dos océanos que centrou boa parte do seu traballo no aumento da acidez da auga do mar debido ao incremento do CO2 na atmosfera. O acto terá lugar en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. A entrada é libre para todo o público interesado.
Aida Fernández Ríos aprobou con 25 anos as oposicións a auxiliar de laboratorio no que sería o xerme do actual Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC), o que espertou o seu interese polas ciencias. Apúntase a clases nocturnas para sacar o bacharelato superior e seguir formándose. Posteriormente, sen deixar o seu labor no IIM, iniciou a licenciatura de Bioloxía no Colexio Universitario de Vigo e concluíuna na Universidade de Santiago, onde defendeu a súa tese de doutoramento en 1992, centrada no fitoplancto da ría de Vigo e as condicións ambientais que inflúen no seu crecemento. Aida foi avanzando na súa carreira investigadora ata converterse en profesora de investigación do IIM, sendo a primeira muller en dirixir o centro (2006-2011).
Unha muller pioneira a bordo de buques oceanógraficos

O seu principal interese científico centrouse nos cambios físico-químicos que se producen nos océanos, en particular no Atlántico, e como repercuten no clima do planeta. En 1974 embárcase na súa primeira campaña oceanográfica, a bordo do buque Cornide de Saavedra. Dos 21 integrantes do equipo científico-técnico, só dúas eran mulleres. A partir desa data, participa nun total de 30 campañas oceanográficas, atravesando o Atlántico de norte a sur e de leste a oeste, o Índico e a Antártida, ou ben mostreando o litoral galego e a costa portuguesa. En cinco delas foi xefa científica, tanto en buques oceanográficos españois (Sarmiento de Gamboa, Hespérides) como en barcos polacos, ingleses, franceses ou estadounidenses. Sumou máis de 800 días no mar.
Aida Fernández Ríos ingresou como académica numeraria da RAGC o 18 de xuño de 2015, seis meses antes de falecer, converténdose na terceira muller en incorporarse á Academia. Faleceu aos 68 anos vítima dun accidente de tráfico en Moaña.
Conferencia do investigador de Ciencias do Mar da UVigo Gabriel Rosón
O acto, que comezará ás 12:00 horas e estará presidido pola reitora da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras, contará coa asistencia da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o presidente da RAGC, Juan Lema; a directora de GAIN, Carmen Cotelo; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; o vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Manuel Martínez; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; a vicepresidenta adxunta de Áreas Científico-Técnicas do CSIC, Elena Cartea; a delegada do CSIC en Galicia, Carmen González; así como académicas e académicos da RAGC e representantes de institucións políticas, científicas, educativas, culturais e de investigación galegas.
Durante o evento impartirá unha conferencia en torno á figura da homenaxeada Gabriel Rosón, catedrático da facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo. Ademais, proxectarase un vídeo sobre a traxectoria e os logros da científica, no que se destaca como nos ensinou a escoitar o mar.
Entrega das Medallas de Investigación de Galicia
No evento entregaranse as cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede cada ano a RAGC. As persoas distinguidas nesta edición son Mabel Loza, medalla de Bioloxía e Ciencias da Saúde; Sebastian Villasante, de Ciencias Económicas e Sociais; Leandro Alejano, de Ciencias Técnicas; Rosa Crujeiras, de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; e Francisco Rivadulla, medalla de Química e Xeoloxía.
O evento retransmitirase a través da canle de YouTube da RAGC.
Mabel Loza descubriu 17 novos medicamentos
Mabel Loza García (Tapia de Casariego, 1961) recibe a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC “pola súa extraordinaria contribución ao descubrimento temperán de fármacos, que sitúa a Galicia como líder nacional e un dos polos de innovación europeos no sector”.
É catedrática de Farmacoloxía na Universidade de Santiago e directora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Tralo seu paso polo Mount Sinai Medical Center de Nova York), a partir de 1998 orientou a súa traxectoria científica cara á farmacoloxía aplicada ao descubrimento de fármacos. Ten liderado un centenar de proxectos e promovido máis de 60 contratos de colaboración público‑privada coa industria farmacéutica e biotecnolóxica. Deste esforzo derívanse 17 novos medicamentos que alcanzaron ensaios clínicos con pacientes, incluído o reposicionamento recente dun fármaco oral para o tratamento da COVID‑19. Entre 2020 e 2025 o seu grupo captou un financiamento superior aos 17 millóns de euros. A súa produción inclúe 19 patentes e a cofundación de catro empresas biotecnolóxicas.
Sebastian Villasante estuda nas rías galegas o impacto do cambio climático
A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais (Política, Socioloxía e Psicoloxía Social), recoñece a Sebastian Villasante Larramendi (Bos Aires, 1979), profesor de Economía Aplicada da USC e investigador do CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais), “por converter a Galicia nun referente internacional no estudo da economía dos océanos e a sustentabilidade mariña”.
Sebastián impulsou unha área de investigación pioneira, demostrando que os desafíos ambientais globais -como o cambio climático, a perda de biodiversidade ou a inseguridade alimentaria- non poden comprenderse nin resolverse sen incorporar as dimensións económicas, sociais e institucionais que condicionan o acceso aos recursos mariños. Así, as rías galegas e as comunidades pesqueiras locais sérvenlle como escenario para analizar os impactos socioeconómicos do cambio climático, a vulnerabilidade costeira e os procesos de transformación sostíbel das economías mariñas. Os seus estudos están a servir de base para analizar a resiliencia de zonas costeiras na UE, e para a toma de decisións na creación de áreas mariñas protexidas máis efectivas desde o punto de vista ambiental e socioeconómico.
Leandro Alejano traballa para mellorar a seguridade das explotacións mineiras
Leandro Alejano Monge (Madrid, 1967), catedrático de Mecánica das Rochas na Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, recibe a medalla Isidro Parga Pondal de Ciencias Técnicas por ser “unha das figuras máis destacadas da enxeñaría de minas e da mecánica de rochas tanto no contexto estatal como internacional”.
A RAGC salienta que “as súas investigacións teñen impulsado de xeito relevante a seguridade en enxeñaría mineira e civil, así como a eficiencia e a sustentabilidade no sector da industria extractiva.
Na UVigo liderou a creación do Laboratorio de Mecánica de Rochas “John Harrison”, recoñecido como un referente internacional. En 2007 propuxo unha metodoloxía para o control de desprendementos de rocha en canteiras que foi adoptado por empresas de varios países co fin de mellorar a seguridade das explotacións. Nesta liña, ten participado na análise e resolución de problemas específicos no ámbito da comunidade galega, como o caso dos desprendementos en ladeiras graníticas tras incendios. Tamén colaborou co CSIC na comprensión do proceso extractivo do ouro utilizado polos romanos nas Medulas hai 2000 anos.
Rosa Crujeiras, impulsora da transferencia da investigación matemática á industria

A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, recaeu na catedrática de Estatística e Investigación Operativa na Universidade de Santiago Rosa Crujeiras Casais (Ribeira, 1978), actual reitora da USC, “pola súa traxectoria investigadora con contribucións de referencia internacional no campo da Estatística e cuxo traballo deu lugar a importantes avances metodolóxicos”.
Nos últimos anos, Crujeiras liderou proxectos competitivos de investigación, tanto no marco do Plan Nacional de I+D+i como impulsando unha destacada actividade de transferencia de coñecemento mediante contratos con empresas e colaboracións con administracións públicas (en particular coa Xunta a través de estudos de inserción laboral e turismo). Destaca así mesmo no desenvolvemento de ferramentas de software amplamente utilizadas pola comunidade investigadora. Tamén se recoñece o seu labor como directora científica do CITMAga desde 2021 (centro de referencia en matemáticas no ámbito estatal e internacional que aglutina a máis de 100 investigadoras das tres universidades galegas), contribuíndo de forma decisiva á súa creación e consolidación. Por outro lado, a RAGC valora o seu papel fundamental na difusión e divulgación da cultura científica, xunto á promoción da muller no eido das matemáticas -foi membro da Comisión de Mujeres e Matemáticas da Real Sociedad Matemática Española-.
Francisco Rivadulla, experto no deseño de novos materiais para a conversión de enerxía

A medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía recaeu en Francisco Rivadulla Fernández (A Pobra, 1973), catedrático de Química Física da Universidade de Santiago e investigador do CiQUS -Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares-, onde está á fronte do Laboratorio de Química da Materia Condensada. A Academia recoñece “o seu xeito orixinal de abordar a investigación no campo dos materiais, deseñando materiais funcionais dende unha aproximación global, que implica a súa síntese a escala nanométrica e a súa caracterización estrutural, magnética e de transporte, mediante técnicas non convencionais concibidas no propio laboratorio”. Así, desenvolve novos materiais para a conversión de enerxía termoeléctrica, centrándose nos últimos anos nos materiais activos para o transporte térmico, o que o levou a crear equipos experimentais que miden a condutividade térmica de líquidos e nanoestruturas. Na actualidade está a traballar na aplicación dunha técnica novidosa para estudar a actividade radiactiva de solos e rochas de diversos lugares de Galicia, unha técnica que permite ademais datar fósiles e minerais. Na súa traxectoria suma dúas patentes.



