
O Concello de Rianxo, a través do seu alcalde, Julián Bustelo, informou que este luns 5 de outubro ao fío da medianoite, sobre as 23.00 horas, foi detectada “unha avaría grave no depósito de auga de Taragoña”.
A incidencia motivou o baleirado do depósito de auga (liña vermella da gráfica), cuxo nivel de auga caeu en picado en pouco tempo.
Malia a gravidade do problema, grazas ao sistema de telecontrol e telemando recentemente instalado, a avaría foi axiña detectada e os operarios do Concello puideron minimizar as súas consecuencias.
En concreto, os técnicos conseguiron manter o nivel mínimo do depósito de garantir deste xeito o abastecemento das vivendas por outra vía.
O alcalde informou que “con todo é probábel que nas vindeiras horas as vivendas situadas na pista que comunicada Campo Maneiro con Campo de Pazos sufran perdas de presión”. E engadiu: “Seguimos traballando para que, en todo caso, esa situación dure o menos posíbel”.



