
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación Saúde Mental A Creba, José Ramón Girón García, asinaron o convenio para financiar as obras de reforma e adecuación dun local situado no número 2 da rúa Virxe do Loreto, no concello de Noia, para ser usado como centro de rehabilitación psicosocial e laboral por parte da entidade inclusiva.
A intervención contempla un orzamento total de execución de 545.600 euros- dos que a Deputación achegará 200.000 euros- e abranguerá a transformación interior de 890 metros cadrados útiles no andar baixo do edificio.
Segundo explicaron, as novas instalacións contarán cunha zona de recepción, dous obradoiros de rehabilitación psicosocial e laboral con tenda, área de arquivo, despachos de administración, dirección e atención psicolóxica, así como salas de instalacións, aseos adaptados e amplos espazos de circulación.
Engadiron tamén que o traslado dende a actual localización no Polígono Industrial de Augalevada ata o centro urbano de Noia facilitará o acceso a pé e en transporte público tanto ás persoas usuarias do municipio noiés como ás procedentes do resto das comarcas de Muros e do Barbanza.
Coa posta en marcha deste novo espazo, A Creba reforzará o seu dispositivo de atención diúrna, que dispón de 40 prazas autorizadas e concertadas co Servizo Galego de Saúde (SERGAS). O centro continuará desenvolvendo accións de rehabilitación cognitiva, conductual e ocupacional mediante obradoiros de encadernación, coiro, cerámica e tecnoloxías da información, ao tempo que ofrece servizos de transporte adaptado, orientación familiar e programas de integración social para combater o illamento e o estigma.



