
As familias de Ribeira poderán gozar da función A nena e o grilo camiño das cores no luns, 12 de outubro, a partir das 19.00 horas, no Auditorio Municipal. Trátase dunha actividade que pon en marcha o Concello de Ribeira, a través do Servizo de Normalización Lingüística, dentro da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia (Secretaría Xeral da Lingua), que pon o foco na transmisión do uso do galego entre as familias e, en especial, entre a rapazada.
En palabras da concelleira de Promoción da Lingua, Nucha Brión, esta proposta focalízase na transmisión oral para “fomentar o uso do galego entre as novas xeración a través de actividades que mesturan a música e o teatro, onde tamén ten moita importancia a interacción cos asistentes”. Esta función tamén permitirá que “valoren o poder da amizada, o compañeirismo, os afectos, a diversidade e a igualdade”.
Na presentación estivo acompañada pola normalizadora lingüística do Concello, Alicia Padín.
A nena e o grilo camiño das cores é a cuarta e última entrega do exitoso musical de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos que conta con tres espectáculos previos: O país das apertas, A nena e o grilo nun barquiño e A nena e o grilo máis aló. O proxecto comezou en 2010 co álbum O país das apertas e a creación de tres propostas escénicas que chegaron ao público da man do programa de dinamización lingüística FalaRedes.
Este outono, a proposta de ocio en galego do FalaRedes inclúe o derradeiro espectáculo da saga. Nesta ocasión, a nena e o grilo viven unha nova aventura chea de sorpresas. Os dous personaxes volven estar interpretados por Montse Piñón e Pepablo Patinho, acompañados en escena por Jorge Casas. Os tres descubrirán o mundo desde a mirada dos nenos e as nenas e interactuarán cos músicos Magín Blanco e Pablo Vidal e tamén co público. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala, abríndose as portas do Auditorio media hora antes de comezar a función para facilitar o acceso.




