
Os Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro impulsan Feito co Mar para promover elaboracións de peixes e mariscos como conservas, salgados, afumados, adubados, desecados, patés e pratos elaborados, poñendo o foco especialmente en prácticas artesanais. Para iso, están a traballar na posta en marcha de Viveiros Formativos de Emprendemento que contarán con dous programas formativos en 2027, un de iniciación e outro de profesionalización. Ambos os dous estarán orientados á formación práctica, á experimentación e ao acompañamento de proxectos de emprendemento e innovación.
Durante as últimas semanas, os GALP celebraron unha serie de entrevistas con confrarías dos territorios participantes co obxectivo de enfocar os contidos e a proposta formativa do proxecto para que se adapte ás particularidades de cada territorio.
Dende os Grupos lembran que “o sector pesqueiro é especialmente relevante en Feito co Mar, xa que o proxecto ten como propósito principal valorizar a actividade pesqueira e potenciar a remuda xeracional coa creación de novas empresas e o impulso de actividades económicas de transformación dos produtos do mar”.
A programación detallada dos Viveiros será presentada ao público a partir do mes de outubro a través de máis de vinte encontros informativos que se celebrarán en concellos de todo o litoral galego.
“Estes eventos serán a ocasión para que as persoas interesadas poidan obter información sobre os programas formativos e tamén para captar proxectos de emprendemento que poidan impulsarse a través dos Viveiros”, informaron os grupos.
O programa formativo
Os Viveiros están pensados para capacitar de maneira práctica na transformación e elaboración do produto pesqueiro, facendo prototipado de propostas de produtos pesqueiros transformados e elaborados, como conservas e pratos de V gama. Co obxectivo de garantir o maior éxito das iniciativas das persoas que se acheguen aos Viveiros, facilitaranse claves para o emprendemento de maneira colaborativa.
Nos diferentes módulos que se impartan nos cursos trataranse dende cuestións relacionadas coa normativa vixente, boas prácticas, técnicas ou procesos de elaboración axeitados, ata o envasado e etiquetado. Desenvolverase tamén un traballo de titorización dirixido a persoas e colectivos que, unha vez rematada a formación, precisen de apoio e asesoramento para facilitar a súa constitución como iniciativa de emprendemento.
A responsábel do programa formativo será Carme Freire, que forma parte de Daquí darredor, un proxecto colaborativo para a transformación de alimentos agrícolas.
Rede de Espazos de Traballo Colaborativo
Dentro do proxecto, tamén se veñen realizando entrevistas cos concellos do territorio para animar a súa participación na dinamización dos Viveiros e tamén para a constitución de Espazos de Traballo Colaborativo enfocados á transformación de produto pesqueiro nos seus territorios. A dinamización deste tipo de espazos é outro dos obxectivos do proxecto que, en 2027, creará un piloto, a partir de experiencias como o Espazo de Traballo Colaborativo Monte Balado (Os Ánxeles. Brión) e unha proposta para a creación dunha Rede que articule estes espazos entre todos os GALP participantes.
Un proxecto dos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro
O principal beneficiario de Feito co Mar será o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola, aínda que se espera que tamén repercuta positivamente en estudantes de formación profesional, programas municipais de emprendemento, asociacións empresariais e persoas desempregadas, entre moitas outras.
Feito co Mar é unha iniciativa de cooperación dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) e está cofinanciada pola UE e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Os GALP participantes son: GALP Golfo Ártabro Norte (grupo coordinador), GALP Golfo Ártabro Sur, GALP A Mariña Ortegal, GALP Costa da Morte, GALP Costa Sostible, GALP Ría de Arousa e GALP Ría de Pontevedra.



