
Vilagarcía xa está lista para celebrar a 54 edición de Curtas Festival do Imaxinario, que arrancou esta fin de semana a súa vertente expositiva con sete mostras que inclúen materiais orixinais do cine fantástico e de terror. Será unha cita (do 23 de outubro ao 1 de novembro, con entrada de balde) para impulsar a creación local a través dun mercado no que 15 proxectos audiovisuais galegos poderán contactar e buscar financiamento a través de importantes produtoras. Proxectaranse na fase de concurso 148 obras de 34 países. Nesta edición haberá grandes novidades como as proxeccións sensoriais e interactivas de películas, a reivindicación do cinema de xénero en formato 16.9 ou as sesións azuis adaptadas ás persoas con trastornos do espectro autista.
Ademais, buscará a implicación da cidadanía no desenvolvemento de actividades e compensará a pegada de carbono plantando árbores no parque da Coca.
A extensa programación presentouse o pasado venres na sala Rivas Briones, no medio dunha das exposicións que se poden visitar xa. O Concello, patrocinador principal do certame incluído na marca VGA 365, estivo representado polo alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón; e a Deputación por Jorge Cubela. Xunto a eles, Luis Rosales, director do festival, foi o encargado de debullar a intensa axenda do Festival do Imaxinario de Vilagarcía.
Outón salientou a relevancia de que ademais de ser o certame audiovisual decano de Galicia, o Curtas “se teña consolidado como referente absoluto e indiscutíbel do cine fantástico do noroeste peninsular, e lograse estar presente en citas tan importantes como a Berlinale, Cannes ou Sitges, ademais de colaborar coa Federación Mèliés e de ser festival cualificador para os premios Goya”. E engadiu: “Isto é un logro impresionante, ao que se chegou en tan só dez anos, dende que Luis Rosales nos expuxo o novo proxecto e dende que lle dimos todo o apoio do Concello”.
O alcalde insistiu no crecemento cuantitativo e, sobre todo, cualitativo, do Festival do Imaxinario, destacando a profesionalidade e o traballo realizado por Rosales e a asociación Curtas para “propoñernos cada ano un festival que non deixa de sorprendernos, que atrae a Vilagarcía todas as miradas, que leva o nome da cidade por todo o mundo e que nos pon ao mesmo nivel cultural que o que teñen capitais con dous millóns de habitantes”. Varela engadiu que se trata dun festival feito por xente da casa e que non deixa de pensar nos da casa, “a quen nos ofrece a posibilidade de entrar en mundos máxicos e fantásticos a través de magníficas mostras, de facernos sentir como Batman no seu Batmóbil ou de poñernos ao votante do Coche Fantástico”. Este ano aparcarán en Vilagarcía o Chévrolet Impala que conducían os irmáns Winchester na serie Supenatural e a furgoneta de Scooby Doo.

O rexedor concluíu dicindo que, “como se demostra con este festival, Vilagarcía é un lugar fantástico e co Curtas volveremos a pasalo de medo e a vivir días máxicos”.
Despois de recoñecer o “inmenso apoio” dado polo Concello e de agradecer a colaboración doutros patrocinadores, entre os que hai firmas internacionais, Rosales tamén se referiu ás empresas locais que tamén se implican no Festival do Imaxinario de diferentes xeitos, como o do restaurante Luna di Nápoli, que incluíu na súa carta una PizzaCurtas, o da firma de camisetas Rei Zentolo, ou o do lanzamento da salsa picante do festival Lume Abisal.
A maiores destas iniciativas -sen ánimo de lucro para a organización do certame-, Rosales comentou que se organizarán concursos de decoración de balcóns e de escaparates para que a cidadanía contribúa a crear ambiente e a dinamizar a vila durante a celebración do curtas.
Novidades
·A Noite do Ritual. Nova experiencia interactiva co público na sala, que comeza co 30º aniversario de Scream.
·Samaín Inmersivo. Cea de alta gastronomía (Samaín Arrepiante) inmersa no terror clásico polo 50º aniversario de The Omen (La Profecía).
· Curtas Sensoria. Proxeccións sensoriais para vivir en familia grandes clásicos dos 80 como Dentro do Laberinto (no seu 40 aniversario), A historia interminable e A princesa prometida.
· Curtas VHS Vault. Recreación dun videoclub dos anos 90 como experiencia física e xogo de descubrimento para os asistentes.
Samaín arrepiante e actividades na rúa
· Gran Festa do 31 de outubro. Obradoiro de calacús, ruta de “truco ou trato” polos comercios e un gran Desfile e Concurso de Disfraces que culminará na praza de Galicia.
· Música e Tradición. Actuacións en directo do grupo Coda e a banda folk Zeltia Irevire, complementadas cun Magosto Popular en colaboración con Zona Aberta.
· Implicación Cidadá. Concursos de Escaparates, de Tapas Arrepiantes para hostaleiros e Balcóns de Terror para a veciñanza, vestindo toda Vilagarcía cunha atmosfera fantástica única.
Programa educativo: Fantaescolas
· Visitas ás exposicións. Percorridos adaptados a todas as idades, dende os máis pequenos ata o alumnado universitario.
· Artesanía e as orixes do cinema. Animación didáctica con Cthuliño, proxección de Viaxe á Lúa de Méliès e entrega de material para facer taumatropos e zoótropos na aula.
· Formación cinematográfica (Sondecinema): Curso práctico de 4 horas sobre narrativa, montaxe e historia da sétima arte; e curso de 3 horas sobre cinema fotoquímico (16 mm e 35 mm) aprendendo a cargar unha cámara rusa auténtica.
· Sesión musicada en directo. Proxección escolar de As aventuras do príncipe Achmed (1926) cun concerto didáctico ao vivo pola agrupación Caspervek, fusionando cinema con ritmos africanos e melodías orientais.
Industria, sociedade e medio ambiente
· Curtas Imaxina. O primeiro Mercado de Proxectos de Cinema Fantástico de Galicia, con 15 proxectos seleccionados entre 73 candidaturas.
· Sesións Azuis. Proxeccións familiares matinais integramente adaptadas para persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA).
· A Fraga do Imaxinario. Iniciativa de reforestación e compensación de carbono no parque da Coca con especies autóctonas en homenaxe aos premiados do certame.
Exposicións e convidados
8 exposicións inéditas, destacando O Gabinete de Curiosidades en primicia mundial con réplicas orixinais, atrezzo de Star Wars ou Alien en Making Movies, e unha ampla mostra ilustrativa que inclúe a Dariusz Kieliszek por primeira vez en España.
· Convidados de honra. Sergio Stivaletti, Colin Arthur (mestres dos efectos especiais), Chelo Loureiro, Mónica García Massagué, Miguel Ángel Vivas e Laura Pérez, entre outros.



