Un choque frontal entre un turismo e un camión rexistrado este sábado na autovía do Barbanza (AG-11), á altura da parroquia rianxeira de Asados, saldouse milagrosamente cun único ferido de carácter leve. O sinistro produciuse arredor das 17:00 horas, á altura do punto quilométrico 17, nun dos treitos afectados polas obras de mellora da vía, onde o tráfico de ambos os sentidos circula de forma provisional por unha única calzada coa soa separación de conos.
A violencia do impacto provocou que o turismo saíse despedido fóra da estrada, quedando coa parte dianteira completamente esnaquizada. A pesar dos graves danos materiais que presentaba o vehículo, o seu condutor non sufriu lesións de consideración nin precisou de traslado a un centro hospitalario. Pola súa parte, o chofer do camión resultou ileso. O servizo de emerxencias do 112 Galicia mobilizou os recursos tras recibir, minutos antes das cinco da tarde, as chamadas de dous particulares que alertaban do ocorrido.
Até o lugar desprazáronse os bombeiros de Boiro, efectivos de Protección Civil de Rianxo, axentes da Garda Civil de Tráfico e a Policía Local rianxeira. Foron precisamente os axentes municipais os encargados de regular a circulación nun punto especialmente conflitivo pola configuración provisional das obras, que concentra nunha mesma plataforma viaria o tráfico en ambos os dous sentidos da marcha.




