
No marco do Ciclo de Cinema Mestre Mateo, que leva a determinados concellos galegos as películas premiadas pola Academia Galega do Audiovisual, este domingo 4 de outubro proxectarase no Centro Social de Boiro o filme documental Mary Quintero. Máis de 90 anos de creatividade, da directora María Ojea. Será ás 19.00 horas e de entrada libre.
Sinopse
Mary Quintero (Melide, 1931) está recoñecida coma unha das grandes fotógrafas e retratistas de estudo. Ao longo das décadas, viu transformar os instrumentos do seu oficio, pasando do branco e negro á cor e do eido analóxico ao mundo dixital. Considerada unha das pioneiras da fotografía profesional en Galicia, foi a primeira en utilizar en España o proxector de fondos e o retoque fotográfico.
O seu traballo foi recoñecido con numerosos premios, entre eles o Premio Mejor Fotógrafo de España, outorgado no II Congreso Nacional de Fotografía en 1981, e a Medalla de Bronce de Galicia no ano 2002.
Malia ser de Melide, dende os anos 50 do século pasado estableceu o seu estudo fotográfico na cidade de Vigo. Foi pioneira na elaboración dunha nova técnica de retoque para a fotografía en cor. Conseguiu ser recoñecida como unha das profesionais máis relevantes da fotografía de estudio e a máis prestixiosa retratista galega. Retirada desde o ano 2002, posúe un arquivo de máis de 700.000 imaxes dixitalizadas.
A estrea do documental coincidiu co seu 95 aniversario. A obra é un recoñecemento a toda a súa traxectoria e achegas ao mundo da fotografía.
O documental conta tamén coa produción de Roberto Quintero e coa produción executiva de Fernando Marcote. Trátase dun ensaio fílmico que repasa a prolífica traxectoria da melidense Mary Quintero, considerada unha das grandes pioneiras e referentes da fotografía de estudio e do retoque fotográfico profesional en Galicia e en toda España.



