Este venres 2 de outubro o Auditorio Municipal de Rianxo acolle a representación do espectáculo 4 monos de Tropa de Trapo. Será a partir das 19.00 horas na Sala Arcos Moldes do Auditorio. Trátase dunha peza para público infantil e familiar, de aproximadamente unha hora de duración.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza en Rianxo a representación da obra de teatro infantil 4 monos, coa colaboración do Concello de Rianxo, no marco do programa de Actividades de Sensibilización e Educación para a Cidadanía Global 2026 do Fondo.
Marta Ortiz e Brais das Hortas, integrantes da Tropa de Trapo, son os artífices de 4 Monos, proposta que mestura narración oral, música ao vivo e teatro de obxectos para facernos reflexionar sobre como nos relacionamos entre nós e co medio. A obra, dirixida a público infantil e familiar, dálle a volta ás emoticonas dos monos que non escoitan, non ven e non falan para que fagan todo o contrario en catro historias, que nos levan a convivir coas mulleres dunha aldea, con habitantes do Sáhara e da Amazonía, etc.




