
O Centro Recreativo e Cultural de Artes, en colaboración co Concello de Ribeira (Área de Cultura) presentou o cartel e as bases do nova convocatoria do Concurso de Poesía Albariza de Artes, certame que alcanza este ano a súa décimo terceira edición.
Esta iniciativa ten como obxectivo “promover a creación literaria e fomentar o uso da lingua galega”, contando con categorías infantís, xuvenís, para persoas adultas e unha modalidade especial para persoas maiores.
O prazo de presentación dos traballos permanecerá aberto ata o 25 de outubro de 2026 ás 23:59 horas, e o fallo do xurado darase a coñecer nun acto público que se celebrará o 22 de novembro ás 17:00 horas no Centro Recreativo e Cultural de Artes.
A participación está aberta a quen presenten a súa obra en lingua galega. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos en toda a súa extensión, sen sinatura nin sinal ningún que denuncie a súa procedencia.
A presentación de orixinais ao concurso efectuarase polos seguintes medios:
– De xeito presencial ou por correo certificado, portes pagos, ao enderezo: Centro Recreativo e Cultural de Artes Artes, Sego, 15969 Ribeira (A Coruña). Indicarase no sobre “Para o XIII Concurso de Poesía Albariza de Artes – Concello de Ribeira”.
– Por correo electrónico a centrorecreativoartes@gmail.com. A obra enviarase como arquivo adxunto en documento PDF, no mesmo correo noutro PDF presentaranse os datos que se indican a continuación.
Os poemas deberán ser orixinais e inéditos, non ter sido premiados en ningún outro certame, nin presentados a ningún outro concurso antes de facerse pública a decisión do xurado desta convocatoria. Quen participe neste concurso achegará un escrito asinado no que se declaren estes aspectos, indicando tamén que sobre esa obra non existe compromiso ningún e polo tanto posúe todos os dereitos.
Os orixinais non irán asinados, debendo presentarse por duplicado (facendo constar no encabezamento o título elixido) e achegaranse xunto cun sobre pechado, en cuxo exterior farase constar o título da obra e a categoría na que participa. No interior do sobre depositarase o escrito sinalado na base 5 e unha nota na que se indique o nome e apelidos do/a autor/a, enderezo, teléfono, correo electrónico se o tivese, así como unha fotocopia do DNI; en caso de menores tamén deberá indicar o curso e centro educativo que corresponda.
Establécense as seguintes categorías e premios:
1a Categoría: Autores/as de 9 a 11 anos.
Peza ou conxunto poético de vinte versos mínimo e trinta versos máximo.
– Primeiro premio: Placa conmemorativa e vale para material deportivo ou escolar valorado en 150 € e publicación da obra.
– Segundo premio: Placa conmemorativa e vale para material deportivo ou escolar valorado en 75 € e publicación da obra.
2a Categoría: Autores/as de 12 a 14 anos.
Peza ou conxunto poético de vinte e cinco versos mínimo e cincuenta versos máximo.
– Primeiro premio: Placa conmemorativa e vale para material deportivo ou escolar valorado en 150 € e publicación da obra.
– Segundo premio: Placa conmemorativa e vale para material deportivo ou escolar valorado en 75 € e publicación da obra.
3a Categoría: Autores/as de 15 a 17 anos.
Peza ou conxunto poético de cincuenta versos mínimo e cen versos máximo.
– Primeiro premio: Placa conmemorativa e vale para material deportivo ou escolar valorado en 150 € e publicación da obra.
– Segundo premio: Placa conmemorativa e vale para material deportivo ou escolar valorado en 75 € e publicación da obra.
4a Categoría, para persoas adultas: Autores/as a partir de 18 anos.
Peza ou conxunto poético de cincuenta versos mínimo e cento cincuenta versos máximo.
– Primeiro premio: Placa conmemorativa e premio en metálico de 250 € e publicación da obra. A persoa que obteña o primeiro premio nesta categoría non poderá participar na seguinte edición. Se así se decide formará parte do xurado desta.
– Segundo premio: Placa conmemorativa e premio en metálico de 75 € e publicación da obra.
Categoría especial para persoas maiores
Poderán ser pezas poéticas dun mínimo de vinte e máximo de cincuenta versos ou traballos en prosa –lendas ou relatos– cunha extensión máxima dunha páxina DIN A4 a letra Times New Roman 12. Haberá tres mencións con placa conmemorativa de recoñecemento e publicación da obra.
Un xurado, designado para o efecto, valorará os traballos presentados e elixirá, de entre as poesías recibidas, unha preselección de cincuenta que son as que optarán aos premios finais; de consideralo, ademais dos premios poderá conceder accésits consistentes nunha placa conmemorativa e a publicación da obra.



