O BNG leva ao Parlamento a situación da atención primaria no Barbanza, que cualifica de “precaria”

28 Setembro 2026

O BNG levará ao Parlamento galego a situación da atención primaria nos centros de saúde e PAC da comarca do Barbanza, unha situación que os grupos locais do BNG cualifican de “precaria”. A situación, din, arrastra carencias dende hai meses e mesmo anos “sen unha resposta por parte da Consellaría de Sanidade.

A deputada do BNG, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei para reclamar á Xunta que “cubra de maneira estábel a totalidade das prazas de persoal sanitario e non sanitario que corresponden aos centros de saúde e PAC da comarca”. A iniciativa pon o foco concreto nos casos de Aguiño, Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Rianxo, onde, segundo lembrou, “acumúlanse diferentes problemas de cobertura e prestación de servizos”.

Segundo explicou Rosana Pérez, durante o verán, cando a poboación da comarca aumenta de maneira significativa, a Xunta “non só non reforzou os cadros de persoal, senón que nin sequera cubriu todas as ausencias por vacacións”. Esta situación “está a traducirse nun incremento da carga asistencial, maiores tempos de espera para conseguir cita e unha maior presión sobre as urxencias dos PAC e do hospital comarcal”, dixo.

O BNG sinala situacións concretas como a de Aguiño, “onde continúa sen cubrirse desde hai case un ano unha das dúas prazas de profesionais que debería ter o consultorio; a de Ribeira, que segue sen contar coa totalidade do persoal que lle corresponde e ten ademais dúas prazas sen cubrir por unha xubilación e un traslado; ou a da Pobra do Caramiñal, onde permanece vacante unha das sete prazas de persoal facultativo e o PAC continúa pechado polas tardes, obrigando á veciñanza a desprazarse a Ribeira”, lembrou o voceiro do BNG en Ribeira, Luís Pérez Barral.

No caso de Rianxo, o concelleiro Fran Rei, reclamou tamén o cumprimento do compromiso adquirido en 2024 polo xerente da área sanitaria para ampliar o horario do PAC, que actualmente só presta servizo entre as 22.00 e as 8.00 horas nos días laborábeis. Ademais, o BNG reclama que a ambulancia do 061 pase a prestar servizo durante as 24 horas, fronte ás 12 horas actuais. Da mesma maneira, os edís denuncian “a consecuente privatización ao que a Xunta leva aos servizos públicos que deberan de ser en todo caso dignos, unha mostra disto é a situación na que se atopan as traballadoras da limpeza dos centros de saúde de Rianxo, Boiro e Ribeira, que levan meses implorando o cobro das nóminas atrasadas”.

Por este motivo, a iniciativa parlamentaria reclama á Xunta “cubrir todas as prazas dos centros de saúde e PAC do Barbanza, reabrir a tempo completo o PAC da Pobra, ampliar o horario do PAC de Rianxo e garantir as 24 horas de cobertura da ambulancia do 061 neste concello”.

Rosana Pérez tamén preguntará ao Goberno galego cando pensa adoptar medidas para corrixir unha situación que, advirte o BNG, “non deixa de empeorar”.

Outros artigos

A xornalista Nieves Concostrina estará este mércores no Liceo de Noia

Este mércores 30 de setembro, a xornalista e escritora Nieves Concostrina estará no Liceo de Noia para conservar sobre a súa obra, os seus libros e a súa traxectoria na radio. Estará acompañada polo alcalde, Francisco Pérez Caamaño, e por José M. Romarís. A conversa...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.